TABAGÓN EN FESTAS (DÍAS 29, 30 E 31)

EN PROBAS

EN PROBAS

24 nov 2009

O Rosal acolleu unha charla para a Historia

O venres 20 de novembro tivo lugar no Auditorio Municipal –e organizada polo Concello do Rosal- unha interesante charla-coloquio sobre o ciclismo e o deporte galegos á que asistiron os ciclistas profesionais Ezequiel Mosquera, Serafín Martínez e Iván Raña na compaña do psicólogo deportivo Juancho Armental.
Presentou este acto o xornalista da Televisión de Galicia, Terio Carrera. Previa á charla proxectouse o documental “Anacos…” da autoría de Benito Guerreiro, onde este afeccionado ao deporte -e ao ciclismo en concreto- quixo transmitir con este vídeo do seu percorrido polos 315 concellos galegos a importancia da superación e a fe que hai que ter para lograr as metas que un se propoña na vida.
Terio Carrera, unha vez rematada a proxección, convidou a subir ao escenario a Benito para que explicara os pormenores da súa aventura en bicicleta por Galicia, sen dúbida un dos momentos álxidos de humor desta velada.
Acto seguido Terio foi presentando un a un aos participantes desta charla-coloquio. Nun ambiente de distensión e contacto moi próximo coa xente, estes profesionais do deporte atenderon ás múltiples cuestións que plantexaba o público asistente a este evento. Ezequiel Mosquera, líder do equipo ciclista Xacobeo Galicia, foi un dos máis solicitados, respondendo ás inquedanzas dos afeccionados, amosando unha personalidade humilde e sincera, lembrando por exemplo a súa infancia no serradoiro familiar ou que se iniciou no ciclismo aos 18 anos. Tamén rememorou as súas famosas caídas na Vuelta a España afirmando que efectivamente “parecía unha momia” coa cantidade de vendaxes que tiña por todo o corpo.
O rosaleiro Serafín Martínez fixo fincapé na súa ledicia de poder participar neste proxecto do Xacobeo, tendo palabras de agradecemento ao Club Ciclista O Rosal, o seu primeiro equipo cando comezou en categoría alevín. Precisamente, unha das intervencións máis emotivas foi a de Gerardo Álvarez Martínez, presidente do club rosaleiro quen lembrou as incribles actuacións, xa de neno, de Serafín, quen gañaba por aquela época preto do 90% das carreiras que disputaba. Terio Carrera, dende a mesa “de operacións”, ía tamén preguntando a “diestro e siniestro” un aluvión de cuestións a estes ilustres conferenciantes. Iván Raña, ciclista e Campión do Mundo de Triatlón en 2002, respondeu con gracia e cun humor moi característico sobre todo a temas referentes ao seu inmediato futuro, se seguiría no ciclismo ou volvería ao seu papel de triatleta, afirmando que agora mesmo o seu obxectivo é triunfar unicamente na bicicleta.
Papel fundamental foi o de Juancho Armental, psicólogo deportivo de elite, ex do R.C. Celta de Vigo de fútbol, requirido continuamente por Terio e parte do público para que explicara as condicións óptimas que ten que posuír un ciclista ou un deportista en xeral para aguantar a presión e ofrecer un bo rendemento a niveis tan altos e esixentes.
Armental fixo fincapé na presenza no Auditorio dos nenos do Club Ciclista O Rosal, animándoos a estudar e a esforzarse, falando tamén da importancia dos seus pais no correcto desenrolo tanto da súa vida persoal como deportiva. O televisivo presentador deste acto animou continuamente o evento con consideracións persoais e interactuando cos asistentes, facéndolles tamén partícipes desta agradable, amizosa e atractiva charla.
Unha vez finalizada, os conferenciantes foron convidados polo Concello do Rosal a un aperitivo nun coñecido restaurante da vila onde tamén se lles obsequiou con diferentes agasallos institucionais. Velaquí vos deixamos a nosa reportaxe.

0 comentarios:

Publicar un comentario