Segundo se pode ler na web municipal "O vindeiro venres 15 de xuño, ás 17.30 h, na Praza do Concello do Rosal, terá lugar a actividade Galego de Cine, dentro do programa FalaRedes da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia
Este programa está destinado aos concellos da Rede de Dinamización Lingüística, que levará ata decembro un total de 250 accións por unha centena de entidades locais.
FalaRedes busca crear espazos de uso e de aprendizaxe do galego ligados ao lecer, á cultura xuvenil e ás tecnoloxías da comunicación para promover unha imaxe da lingua ligada a valores positivos.
Trátase dun proxecto itinerante para visionar contidos audiovisuais producidos en Galicia e en galego para nenos e nenas de 6 a 12 anos, dentro dunha caravana.
O visionado das peliculiñas compaxínase con actividades de comprensión dos filmes que impulsen aos cativos a expresárense en galego oralmente, coa construción dun conto ideado de principio a fin polos pequenos e cun vídeo-matón, espazo para plasmar oralmente nun set de gravación o conto inventado durante o desenvolvemento da actividade.
Os obxectivos principais son promover o achegamento do cinema galego e en galego aos máis pequenos, inducir á reflexión e participación activa dos rapaces sobre os contidos vistos e promover a mellora das competencias lingüísticas entre os participantes".
0 comentarios:
Publicar un comentario