31 jul 2009
Inauguración capela de San Sebastián e Santa Ana
31.7.09
Comentar
O domingo 26 de xullo procedeuse á inauguración das obras de restauración da capela de San Sebastián e Santa Ana (Medas-Novás). Centos de fregueses asistiron á misa oficiada polo vicario xeral da diocese de Tui-Vigo, Jesús Gago Blanco, quen estivo auxiliado polo abade párroco de Santa Mariña, Julio Ramos Rodríguez. O historiador local e presidente do Instituto de Estudios Tudenses, Xoán Martínez Tamuxe, foi o encargado de facer un resumo histórico-artístico da ermida. Actuaron a Coral e o grupo Kla-son da Agrupación Musical do Rosal. Ao final dos actos repartiuse un tríptico da historia da capela de San Sebastián e Santa Ana editado polo Concello. Velaquí vos deixamos a nosa reportaxe fotográfica da inauguración:
30 jul 2009
Os muíños do Folón e Picón, atractivo turístico
30.7.09
Comentar
O pasado sábado 25 de xullo e previo contacto coa concellaría de Turismo que dirixe Ángeles Vicente Manzano, visitaron os muíños do Folón e Picón 39 rapaces e rapazas de Arxentina, Uruguay e Venezuela, acompañados de 3 monitores e o guía municipal. Trátase da ruta "Coñece Galicia 2009" que unha vez máis coordinou Rogelio Rivas. Aquí vos deixamos unha pequena mostra fotográfica deste paseo guiado polo enclave etnográfico rosaleiro:
Misa solemne e procesión das Festas do Pilar
30.7.09
Comentar
O sábado 25 de xullo celebrouse a misa solemne e a procesión arredor da Praza do Calvario na honra de Santiago Apóstolo e a Virxe do Pilar, patróns do Concello. Oficiou a cerimonia relixiosa na igrexa de Santa Mariña o abade párroco D. Julio Ramos Rodríguez, axudado polo crego D. Isaac Penela Carbajales. Varios rapaces e rapazas fixeron as Primeiras Comunións. Harmonizou a Coral da Agrupación Musical do Rosal dirixida por Toñi Santos Vaquero. Xa de tarde, a Banda de Música ofreceu un concerto no Auditorio Municipal. Aquí vos deixamos unha pequena reportaxe fotográfica:
28 jul 2009
Convenio de colaboración cultural entre o concello de O Rosal e Caixanova
28.7.09
Comentar
O martes 28 de xullo o Concello de O Rosal e Caixanova asinaron un convenio de colaboración para potenciar e desenvolver actividades sociais, educativas e culturais. A esta reunión asistiron por parte do Concello, o alcalde Jesús María Fernández Portela e a concelleira de Turismo, Ángeles Vicente Manzano. Pola parte de Caixanova estivo o director da Comarca, Lino Álvarez González así como Javier Rodríguez Castro, director da sucursal de O Rosal. Este convenio tivo por obxecto programar ditas actividades durante o presente ano 2009, tales como a actuación da Orquesta Clásica de Vigo que será o sábado 5 de setembro ás 20 horas no Auditorio Municipal ou a iniciativa “Cine Caixanova de Verán” que proxectará dúas películas ao aire libre: Kung Fu Panda (30 de xullo ás 23:00 h, no Parque de Pías) e Mamma Mía o 13 de agosto ás 21:30 h, na Praza do Calvario.
27 jul 2009
Presentouse no Auditorio Municipal o libro "Os muíños do Folón e do Picón na vila do Rosal"
27.7.09
Comentar
Informa: Luz María Hidalgo
Fotografías: Ruth Martínez
O pasado luns 20 de xullo tivo lugar no Auditorio Municipal a presentación do libro "Os muíños do Folón e do Picón na vila do Rosal. Conxunto histórico-etnográfico de Galicia". Este acto contou coas intervencións do presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán Abal, do alcalde rosaleiro Jesús María Fernández Portela e dos autores da publicación Xoán Martínez Tamuxe e Juan Ramón Martínez Barbosa. En palabras deste último "trátase dun libro de máis de duascentas páxinas con ilustracións a toda cor e en branco e negro, que conta co prólogo de Fernando Javier Costas Gober-
na do Instituto de Estudios Vigueses. É un repaso pola historia, pola evolu-
ción, polo pasado e presente destes enxeños hidráulicos... 67 en concreto, 36 muíños na parte do Folón e 31 na do Picón". Pola súa banda Tamuxe lembrou que: "Naceu a idea e proxecto da preparación deste libro por suposto non de carácter científico, senón divulgativo, a propósito da oportuna e case providencial iniciativa do Concello, de restaurar aqueles antigos e ultimamente arruinados e xa case lendarios e fantasmagóricos muíños do Folón e do Picón, cuxo deplorable estado clamaba ao ceo. Ante tal sorte e oportunidade de recuperar tan prezado e singular patrimonio, como é este conxunto industrial de carácter rural, sentiuse a conveniencia e necesidade de coñecelo na súa integridade. Pensouse por elo nesta publicación xa que así achegaría aos propios donos, aos rosaleiros e a calquera visitante o seu valor histórico, etnográfico, antropolóxico e socio-cultural, sen esquecer a súa posible repercusión no turismo galego".
Os autores rosaleiros botan por terra neste libro o tradicional mito de que a envergadura desta obra era unha explotación máis do Mosteiro de Santa María a Real de Oia: "Coidamos que polos documentos aportados e as diversas consideracións ante a total ausencia de mencións a propiedades, foros, ventas, permutas, etc., na bibliografía do Mosteiro de Oia, referente a estes muíños, probamos as nosas teses de que foron realizados polos veciños da xuradía de Fornelos". Esta publicación, que foi editada pola Deputación levouse a cabo grazas -segundo Juan Ramón- "á recopilación de datos que comezou hai preto de 40 anos no caso de Tamuxe e a máis de 10 no meu: investigación por diferentes arquivos, revisión de multitude de libros, documentos, falar con innumerables veciños do Rosal e arredores, etc".
Tanto o alcalde do Rosal, Sr. Portela como o presidente da Deputación, Sr. Louzán felicitaron aos autores por esta "árdua tarefa de profundizar e indagar na historia deste complexo etnográfico de Galicia". Facede click no seguinte enlace para ver a reportaxe desta presentación, que foi acompañada coa proxección nunha pantalla xigante dalgunhas fotografías que aparecen no libro:
En marcha a "campaña do condutor alternativo"
27.7.09
Comentar
A dirección xeral de Xuventude e Voluntariado, en colaboración coa dirección xeral de Mobilidade, veñen de por en marcha unha campaña para a potenciación da figura do condutor alternativo entre os grupos de mozos e mozas que utilizan o vehículo privado como medio de despra-
zamento ás zonas de movida, completando así o círculo de posibilidades que comeza no Noitebús. O fin último é tentar que todos os condutores que saen de festa non proben nin unha soa gota de alcohol que, ao fin e ao cabo, segundo as estadísticas é o principal factor causante dos accidentes de tráfico. Máis de 40 mozos e mozas falecidos en accidente de circulación nos primeiros seis meses de 2009 é unha cifra demasiado tráxica para que as institucións quedemos cos brazos cruzados. Invitámosvos a potenciar esta figura de condutor altenativo entre tódolos mozos. (Esta é unha mensaxe do Servizo de Información Xuvenil e Animación Sociocultural do Concello do Rosal).
23 jul 2009
Alberto Núñez Feijóo, presidente da Xunta de Galicia, visitou de maneira particular a Feira
23.7.09
Comentar
O pasado sábado 18 de xullo o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo visitou –de maneira particular e non institucional- a vila de O Rosal (Pontevedra) con motivo da XVII Feira do Viño. Feijóo estivo acompañado en todo momento polo secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, o alcalde rosaleiro Jesús María Fernández Portela e o director da Feira, Ángel Suárez Vicente. O presidente da Xunta achegouse ata O Rosal neste día festivo e realizou un percorrido polos stands das adegas da D.O. Rías Baixas así como polas diferentes exposicións de pintura, macramé ou filatelia que se ofertaban dende a concellaría de Cultura. Noticias O Rosal atopábase nese intre como único medio de comunicación na Praza do Calvario cobrindo os diferentes actos que se celebraban con motivo da Feira polo que aquí vos deixamos a nosa reportaxe da visita sorpresa do Presidente:
Reportaxe fotográfica da Feira (2ª parte)
23.7.09
Comentar
20 jul 2009
Reportaxe fotográfica da XVII Feira do Viño
20.7.09
Comentar
16 jul 2009
O noso recordo para Waldo Álvarez Álvarez
16.7.09
Comentar
Dende Noticias O Rosal queremos lembrar ao recentemente finado pintor rosaleiro, de San Xoán de Tabagón, Waldo Álvarez Álvarez. Este artista autodidacta naceu o 8 de setembro de 1937 e faleceu o 26 de xuño deste ano. Tivemos a oportunidade de falar con el na pasada edición da Feira do Viño onde expuxo a súa obra (http://noticiasorosal.blogspot.com/2008/07/exposicin-dos-pintores-waldo-lvarez.html). Aquí vos deixamos así mesmo o enlace a súa galería pictórica:
15 jul 2009
O venres comeza a XVII Feira do Viño do Rosal
15.7.09
Comentar
O venres 17 de xullo ás 20:00 horas terá lugar a inauguración da XVII Feira do Viño do Rosal a cargo do conselleiro de Medio Rural da Xunta de Galicia, Samuel Jesús Juárez Casado, sendo acompañado das autoridades locais e comarcais. O pregoeiro elixido polo Consello Regulador D.O. Rías Baixas será o xornalista Fernando González Macías. Unha vez rematado este acto protocolario procederase á visita aos expositores e haberá degustación de viños do Rosal. A partir das 10 da noite está prevista a actuación da "Charanga Apeles" que amenizará coa súa música esta xornada inaugural.
14 jul 2009
O equipo "Sempre o Corte" disputou o sábado 11 de xullo o VI Rallye Sur do Condado GEDAS
14.7.09
Comentar
Podedes ver máis imaxes e vídeos deste Rally do Sur do Condado en: http://fotosvideosderali.blogspot.com/
Presentouse a XVII Feira do Viño do Rosal
14.7.09
Comentar
O venres 10 de xullo e ante multitude de medios de comunicación, celebrouse na taberna O Lagar de Eiras a presentación da XVII Feira do Viño do Rosal. Neste acto participou o alcalde da vila, Jesús María Fernández Portela, o secretario xeral da Cámara de Comercio de Tui, Javier Pérez Alves, o xerente da Ruta do Viño Rías Baixas, Luis Cohen Bossié, así como o director da propia Feira, Ángel Suárez Vicente. Lembrouse que o orzamento sobrepasou os 43.000 € na pasada edición, así como que entre os stands confirmados para este ano ademais dos de produtos gastronómicos atópanse as adegas Pedregales, Aldea de Abaixo, Quinta de Couselo, Lar do Vieira, Santiago Ruiz, Lagar de Fornelos, Valmiñor, Terras Gauda, La Val, A Rosaleira: produtos vexetais envasados, o Consello Regulador e o da Ruta do Viño. Segundo o Alcalde agárdase para este ano a visita de máis de 30.000 persoas para gozar dos viños, da variedade de produtos típicos da zona e das actividades paralelas que completarán a oferta lúdica nestes días (17, 18 e 19 de xullo). Aquí vos deixamos unha pequena reportaxe da presentación:
9 jul 2009
Campaña de captación de persoas voluntarias para actividades con nenos e nenas no Rosal
9.7.09
Comentar
Informa: Sandra Alonso. Este ano adiantamos as datas nas que o Concello do Rosal lanza a campaña de captación de voluntariado, habitualmente prevista no mes de setembro. É por isto que queremos difundir a mensaxe de que toda persoa que esté interesada en participar en actividades de voluntariado con nenos e nenas no Rosal, se dirixa ao Centro Social Polivalente ás oficinas de Información Xuvenil e da Educadora Familiar. Estas actividades se realizarán de luns a venres de 10.00 a 13.00 horas e consistirán en xogos e obradoiros de manualidades. Serán levadas a cabo por monitores titulados e as persoas voluntarias colaborarán con eles na realización das dinámicas. Os nenos e nenas participantes teñen entre 3 e 12 anos e estarán repartidos en grupos para facilitar a realización das actividades. A entidade comprométese a formar aos voluntarios e voluntarias e a rexistralos nun rexistro de persoas voluntarias, cumprindo todos os requisitos que a lei garantiza. O horario de oficina é de 8.00 a 14.00 horas no Centro Social Polivalente do Concello do Rosal, e o teléfono de contacto é o seguinte: 986 60 94 50. Se estás interesado en participar activamente, achégate e coñece os programas de voluntariado do teu concello. ¡¡¡¡Participa!!!!
Os lectores de Noticias O Rosal téñeno claro: o noso xentilicio é o de sempre, rosaleiro/a
9.7.09
Comentar
Hai tempo fixemos unha enquisa entre os lectores de Noticias O Rosal: "Dicionario da Real Academia Galega: rosalés-esa adx. 1. Do Rosal ou dos seus habitantes. A costa rosalesa. O concello rosalés sitúase na comarca do Baixo Miño. // s. 2. Persoa natural ou habitante do Rosal. Unha rosalesa". A pregunta foi a seguinte: ¿Que xentilicio prefires? Rosalés/esa ou rosaleiro/a. Participaron 70 dos nosos lectores e o resultado foi claro: con case un 96% dos votos para a opción rosaleiro-a e tan só un 4% votaron a favor de denominarnos "rosaleses ou rosalesas". Por tanto, pola nosa parte e facéndovos caso por maioría absoluta, imos a seguir autoproclamándonos rosaleiros e rosaleiras.
O Auditorio acolleu a proxección do film "Cantos Rodados" e a actuación musical de Xerock
9.7.09
Comentar
O Ciclo CAPACITAD@S, incluído no "Verán cultural" organizado pola concellaría de cultura do Rosal, intenta amosar as capacidades das persoas que erroneamente veñen etiquetándose como “sen capacidades” (discapacidade, deficiencia, minusvalía, …) O domingo 5 de xullo abriuse este ciclo no Auditorio Municipal coa proxección do documental "Cantos Rodados", film dirixido polo ourensán Xoel Méndez, coa dirección de fotografía de Cuco Pino, a montaxe e posprodución de Rubén Lázaro, a prosprodución de son de Meli Souto e música de Xerock e Víctor Fuggetto. A produción executiva correu a cargo de Julio Casal e Mamen Quintas. Esta é a sinopse da cinta: "A música amansa ás feras pero... quen amansa á música? No ano 2003 impártese no centro de integración San Xerome (A Guarda) un taller de musicoterapia que ten un desenlace inesperado. Gene, malia a súa discapacidade severa, descobre unha abraiante destreza para a percusión. Froito desta descuberta nace Xerock, unha banda de sanación e meditación composta por alumnos e traballadores de San Xerome. Este documental é un canto a prol da integración, unha homenaxe ao San Xerome e a Xerock, a estas vidas luídas polos infortunios da xenética. Cantos Rodados é unha mostra de coraxe e vitalidade, unha lección de rock. Un filme adicado a todos os que loitan por facer do noso ser, algo máis humano". Xusto ao rematar a proxección, os integrantes de Xerock ofreceron un fantástico concerto en vivo para os seus seguidores e asistentes a este acto músico-cultural. Velaquí vos deixamos algunhas fotografías, esperando en breve ofrecervos un pequeno vídeo desta actuación:
8 jul 2009
Homenaxe-Concerto a José Luis Lorenzo Rodríguez no Auditorio Municipal do Rosal
8.7.09
Comentar
O sábado 4 de xullo -e cun Auditorio Municipal cheo ata a bandeira- tivo lugar unha merecida homenaxe a José Luis Lorenzo Rodríguez, primeiro presidente da Coral Polifónica de A Guarda, fundador do Coro Arpegios e do Grupo de Acordeóns Mascarenhas.
Coro Arpegios Cantabile
O acto, que foi presentado polo abade párroco da Guarda, D. Jesús García Villadóniga, estivo cargado de emoción, lembranzas doutros tempos e sobre todo ledicia e boa música. Actuaron o grupo de guitarras Antorcha, dirixido por María José Baz, o Coro Arpegios Cantabile de voces blancas, tamén fundado por José Luis en 2008 como continuaución do Coro Arpegios e que hoxe dirixe Lucía Alonso Castro.
Grupo de Acordeóns Mascarenhas
Unha das moitas sorpresas foi a actuación a dúo de Seila Domínguez e Daniel Vilanova, xoves acordeonistas alumnos do homenaxeado, ou a inesperada do recoñecido mestre do acordeón, Jaime Vilas.
Coro Arpegios-Cantabile con Mascarenhas ao final da homenaxe
O Grupo de Acordeóns Mascarenhas tamén quixo brindarlle un tributo ao seu director e fundador, para cara ao final do acto e despois de multitude de agasallos e mensaxes de cariño, xuntarse cos antigos e novos integrantes do Coro Arpegios, interpretando o himno á Guarda, composto e finalmente dirixido -como colofón- por José Luis Lorenzo Rodríguez.
Despedida e "Carta abierta a los rosaleiros/as" de Manuel José Fernández Gómez “Machote”
8.7.09
Comentar
O venres 3 de xullo tivo lugar na Casa do Concello a despedida do funcionario municipal Manuel José Fernández Gómez “Machote”. Nun sinxelo pero emotivo acto os seus compañeiros/as de traballo tributáronlle unha pequena homenaxe, xa que despois de máis de 40 anos chegou o momento da súa xubilación. Aquí vos deixamos a "Carta abierta a los rosaleiros/as" da súa autoría:
6 jul 2009
A asociación "Senderistas de Ferrolterra" visita os muíños do Folón e unha coñecida adega
6.7.09
Comentar
O pasado 27 de xuño e previo contacto coa concellaría de Turismo, visitaron a nosa vila preto de medio centenar de persoas da asociación Senderistas de Ferrolterra presidida por José A. Lozano Lorenzo. Pola mañá achegáronse co guía municipal ata os muíños do Folón e Picón para xa pola tarde facer un percorrido polo monte de Santa Trega na Guarda e volver a O Rosal onde visitarían unha recoñecida adega da D.O. Rías Baixas. Aquí vos deixamos a nosa reportaxe fotográfica:
2 jul 2009
Entrevistamos a D. Julio Ramos Rodríguez, abade párroco de Santa Mariña do Rosal
2.7.09
Comentar
Nesta ocasión, e tras recibir distintas peticións no noso correo electrónico, decidimos realizarlle esta entrevista ao abade párroco de Santa Mariña. Antes das correspondentes preguntas coñezámolo un pouco. D. Julio Ramos Rodríguez naceu o 11 de setembro de 1949 na parroquia de Santa Cruz de Sendelle (Crecente). Estudou Latín e Humanidades no Seminario Menor de San Paio de Tui e rematou Filosofía e Teoloxía no Maior de San Xosé de Vigo. Foi ordenado sacerdote en Vigo o 14 de setembro de 1975. Entre outros destinos estivo de abade en Vilasobroso, San Salvador de Teis ou na parroquia do Sagrado Corazón de Xesús, en Vigo. En canto a cargos, a nivel diocesano, que alternou coa pastoral, anótanse os de: -Membro do Consello Diocesano de Economía (do ano 1981 ó 2001).-Vicerreitor, administrador e profesor do Seminario Maior (de outubro de 1985 a xuño de 1997). -Administrador da Escola de Maxisterio de Vigo (dende outubro de 1974 a setembro de 2004).-Colaborador da Administración da Diócese (dende o ano 1983 ata o 2000). Lembramos que foi nomeado abade-párroco de Santa Mariña da Vila do Rosal polo bispo Monseñor D. José Reboredo, substituíndo a D. Victorino Poutás Rodríguez e tomando posesión o 1º de novembro de 2006, Día de Todos os Santos. Aquí vos deixamos a nosa entrevista a D. Julio:
1 jul 2009
Entrega de medallas aos alumnos da Escola de Patinaxe do Rosal organizada pola Deputación
1.7.09
Comentar
O luns 29 de xuño celebrouse no pavillón do CPI Manuel Suárez Marquier a entrega de medallas da clausura da Escola Deportiva de Patinaxe do Rosal organizada pola Deputación de Pontevedra. Hai que lembrar que preto de 80 nenos e nenas asistiron este ano ás clases impartidas polo activo monitor Marcial González Rivero.
Nun sinxelo pero agradable acto procedeuse a outorgar a cada participante a súa correspondente medalla. O coordinador das Escolas de Patinaxe da Deputación, Alberto Covelo Gallego e a concelleira de Servizos Sociais do Rosal, Mª Carmen Alonso Alonso, así como o propio Marcial obsequiaron aos nenos e nenas con este pequeno galardón. Aquí vos deixamos a nosa reportaxe fotográfica desta xornada: