Despois do introdutorio capítulo I e do segundo, "Emilio, cabo provisional", seguimos coa nosa homenaxe a este mestre de Novás.
Fillo de pai músico na Banda "La Peña", de Alfonso Ulloa e logo da Agrupación "Charanga", de Generoso da Carlota (Canastreiro), o xove Emilio comeza os estudos de solfeo en Belesar.
Alí cursará o Primeiro Método de Eslava, clave de sol, baixo a dirección do seu disciplinado parente, Manuel Blanco, membro da Banda de Música de Baiona, onde tocaba o baixo.
O seu primeiro instrumento foi unha flauta de lata (xoguete), formando el e dous nenos máis unha "charanguilla" de torreiro. O seu avó José, ao ver que o neno prometía, comproulle ao profesor Ulloa un "punteiro" que Emilio dominaba á perfección.
Isto fixo que, aos poucos meses, o propio avó lle volvera a encargar a Ulloa unha gaita (de buxo) con "chave" (re, agudo) cuxo coste foi de 60 pesetas e que pagou a familia de Belesar. Esta gaita acompañouno no servizo militar, a partir do destino de Cuenca.
Anos despois compraría unha nova, que pertenceu a Eduardo Fernández (Diño) e que foi adquirida na coñecida "Casa de la Música Villanueva", de Vigo.
Emilio organizou sobre 1941 o primeiro grupo musical que algúns chamaban "Os Portelas". Os integrantes eran: Emilio (gaita), Donato (gaita) e os irmáns Benedicto e Indalecio da Portela (caixa e bombo respectivamente). Actuaron por vez primeira (tiñan gorras e camisas blancas como indumentaria) ademais de nas festas populares de San Juan e San pedro, nas Festas do Monte Santa Trega (1942).
Alá por 1943-1944 se reforzou a agrupación, seguindo coas súas actuacións e coñecéndoselles agora por "Os Parrandeiros".
En 1944 se reestruturou o grupo con Emilio e Pepe (o seu irmán) que tocaban a gaita; os irmáns da Portela, caixa e bombo e Celso de Refoxos, requinto. Tiñan xa uniforme en color verde con gorras de prato.
O mordomo das Festas do Carme daquel ano era o "Tío Joaquín de Griselda" (O Alambrador) que os bautizou co arxentinísimo nome de "Los Cinco Pibes".
Sobre 1946 Emilio e Pepe Flores fundan o grupo "Os Albariños do Rosal", nome dado pola Comisión de Festas do Trega dese ano ao consignalo no seu famoso libro-programa.
Nun tempo intermedio no que se suspenderon actuacións dos "Albariños", Emilio formou parte da "Orquesta Flores" e do grupo gaiteiro "Os Terribles" de Donas (Gondomar) dende 1981 ata 1987.
Proximamente: Emilio, profesor de gaita, augardenteiro e carboeiro.
0 comentarios:
Publicar un comentario