Na imaxe, Diego, Serafín e Óscar diante da fachada do consistorio
O pasado sábado 2 de outubro tivo lugar na casa do Concello a recepción oficial a tres deportistas da Vila que recentemente colleitaron éxitos a nivel estatal e aínda internacional: Diego Fernández González, nadador, Serafín Martínez Acevedo, ciclista e Óscar Vicente Rodríguez, triatleta.
Abriu o acto o alcalde Jesús Mª Fernández Portela, quen arroupado pola Corporación Municipal en pleno –a excepción de tres concelleiros- deu a benvida aos asistentes.
O rexidor rosaleiro foi presentando un por un a estes xoves deportistas, comezando por Óscar Vicente, sinalando que este rapaz de Marzán tivo unha impresionante actuación en Edimburgo (Escocia) ao conseguir o mes pasado a medalla de bronce no Campionato de Duatlón, categoría sub 23.
Fernández Portela tamén alabou o traballo de Serafín Martínez na “Vuelta a España” deste ano onde conseguiu ser líder da Xeral da Montaña durante seis etapas e rematar finalmente na segunda posición desta clasificación.
Por último, o Alcalde fixo referencia ao máis novo dos tres, Diego Fernández, que cos seus 15 aniños, se proclamou Campión de España Infantil en Palma de Mallorca nos 200 metros bolboreta de natación.
Unha vez rematadas as presentacións, procedeuse á entrega dos diplomas de recoñecemento e das metopas do Concello, así como das edicións “de luxo” dos libros Cruceiros, cruces e almiñas do Rosal e Muíños do Folón e Picón na vila do Rosal.
Tanto Óscar, como Serafín e Diego agradeceron nos seus pequenos discursos as mostras de apoio recibidas por parte do Concello e por suposto dos seus familiares, amigos e veciños.
Finalizou o acto cunha amigable charla dos deportistas cos membros da corporación municipal rosaleira, realizándose -para o recordo e a historia da Vila- unhas fotografías diante da fachada do Concello.
0 comentarios:
Publicar un comentario