Visítanos en www.noticiasorosal.es
O pasado 12 de xuño rematou a peregrinación por etapas polo Camiño Portugués da Costa que organizou o Concello do Rosal. Foron seis sábados, dende o 8 de maio, no que os inscritos a esta experiencia xacobea percorreron dende O Rosal un Camiño que os levou -entre outras vilas- por Oia, Baiona, Nigrán, Redondela, Vigo, Pontevedra, Caldas de Reis, Teo e finalmente Santiago de Compostela. Nesta última etapa aparte de facer os correspondentes quilómetros, asistiron de mañá á Misa do Peregrino, nunha Catedral ateigada de fieis e pasaron asemade pola Porta Santa. Por xentileza do Concello se obsequiou aos participantes nesta última xornada cunha merecida comida no restaurante do Monte do Gozo. Xa de tarde, procedeuse ao sellado das credenciais que acreditaban que se fixeran máis de 100 quilómetros a pé. Segundo nos comentan, é posible que no mes de setembro se celebre outra peregrinación, pero esta vez "todo seguido", pernoctando en albergues. Máis información desta e doutras actividades turístico-culturais no teléfono 986 62 50 00.
0 comentarios:
Publicar un comentario