TABAGÓN EN FESTAS (DÍAS 29, 30 E 31)

EN PROBAS

EN PROBAS

23 jul 2014

Noticias O Rosal entrevista a Diego Álvarez, Entrenador Nacional de Fútbol


Noticias O Rosal entrevista a Diego Álvarez Fernández (Pancenteo, 9-12-1983), que despois de conseguir o pasado 5 de xuño en Madrid o título de Entrenador-Monitor Nacional de Fútbol Base, pasa na vila unha pequena temporada de vacacións.



Lembramos que o noso veciño recibiu este certificado e título, outorgados pola Real Federación Española de Fútbol, despois de aprobar con mérito o correspondente curso, realizando os seus estudos nas instalacións da R.F. de Madrid.

ENTREVISTA A DIEGO ÁLVAREZ

-¿Qué tal Diego despois de conseguir o título de Adestrador de Fútbol Base?
Marchei coa pena de deixar os meus amigos e coñecidos atrás, pero como ben lles dixen, non volvería sen o título na man. Con moito traballo e esforzo conseguín realizar un dos meus soños e pasións, que é adestrar no mundo do fútbol.



-¿Que materias ou asignaturas estudaches nesa Federación Madrileña, como foi o trato cos mestres e profesionais do balompé?

Técnica (individual e colectiva).
Dirección de equipos
Entrenamento deportivo.
Metodoloxía
Reglamentación deportiva
Psicoloxía
Táctica, estratexia e sistemas
Medicina do deporte, etc, etc.


Durante o curso impartiron clases e charlas maxistrais árbitros profesionais, entrenadores nacionais, licenciados en entrenamento deportivo, avogados, médicos e psicólogos deportivos. Quero destacar aquí ao propio director da Federación Madrileña, Julián Ramón Gil Laborda, que tivo un trato exquisito conmigo, eu era o único “galego do grupo” de entre máis de 60 alumnos. Como anécdota, xunto co presidente da Federación, Vicente Temprano (na imaxe sobre estas liñas, no centro), regaláronme diante de todos os compañeiros unha camiseta da Federación Madrileña de fútbol.



Diego Álvarez, na compaña do coñecido periodista deportivo Manolo Lama

-Con este título oficial da Federación Española de Fútbol xa na man, ¿cales son as tarefas deportivas que podes realizar ou desempeñar?

Permíteme entrenar ás categorías de fútbol base, que van dende “os chupetines” (entre 5-7 anos), benxamíns, alevíns, infantís, cadetes e xuvenís. Ademais, teño acceso a campos de fútbol de toda España e ata o máximo desas categorías (xuvenil). Podo en definitiva participar en campus de verano, e aínda en calquera tipo de evento deportivo fóra do fútbol, grazas ao adestramento xeral e ás probas que teño superado. Podo tamén dar clases de educación física en colexios e institutos privados.



-¿Que está ocorrendo cos pais que se cren os entrenadores? Porque aquí todo mundo "fala e entende de fútbol". ¿Como inflúe este tema nos rapaces?

É un problema moi serio, que desgraciadamente está pasando nos campos de fútbol de España. Hai pais que, por exemplo, pagan unha Escola de Fútbol Base para que formen e tamén eduquen aos seus fillos... e chega o día do partido e queren dar máis ordes que o propio adestrador. Hai conflito na grada, os nenos distráense, hai insultos de pais hacia nenos... cando os fillos perden, avergónzanse e recrimínanlle cousas, en vez de animalos, apoialos… os nenos estrésanse. Teño que recalcar que é unha actividade extraescolar pero tamén estás educando aos nenos. Eres un formador, para eles o seu adestrador é unha figura importantísima. Recoméndovos que leades este artigo.

Diego, co triatleta rosaleiro Óscar Vicente Rodríguez no World Triathlon Promaster 2013

-Estás agora -como a ti te gusta chamarlle- na “Jalleira”, no Rosal. ¿Ata que data te quedas, cando volves a Madrid?
De momento aínda non teño nada fijo, estarei uns poucos meses, pero como mínimo ata setembro. Estou á espera de que se convoquen as probas de acceso ao seguinte nivel da Federación, que me permitiría xa adestrar a equipos de ata 2ª B Nacional.



-Segundo puidemos saber dende Noticias O Rosal, estás adestrando no Estadio Municipal de A Mata. Cóntanos.
Si, falei hai uns días co Concello do Rosal, que non me puxo ningún inconveniente en utilizar as súas instalacións. Aquí realizo as probas físicas (carreira contínua, flexibilidade, balón mediciñal…) e logo probas técnicas (nun circuito deseñado pola Federación Española de Fútbol).
En breve terei un examen e teño que superalas para poder acceder a ese nivel que vos comentaba. Evalúannos individual e globalmente, tanto as probas físicas como as técnicas.


Equipo "Juanitos. Bodegón Os Seixiños" con "29" á esquerda da imaxe

-Recentemente vés de adestrar ao equipo “Juanitos. Bodegón Os Seixiños” no IV Torneo de Fútbol 7 Villa de A Guarda. ¿Qué tal a experiencia?
O que comezou como broma de “vennos de míster e fai un equipo” acabou por converterse en algo un pouco máis serio. Intentamos facer un equipo equilibrado, que fóra físico-técnico e defensivamente moi sólido.



-E polo voso resultado parece que non o fixéchedes nada mal.
Pois si, un cuarto posto final de entre 24 equipos. Está moi ben, pero aspirábamos a máis. Foi unha mágoa, pero un partido antes fallounos o físico no centro do campo, debido á intensidade que lle pedín aos xogadores e coa que disputamos todo o torneo. Por iso, non termino de estar contento co resultado, creo que o equipo merecía un premio. Era para chegar a final pero o dito, nos fallou o físico en "semis".



-Parece ser que tedes a un xogador que é un "crack", que sobresae por riba do resto. 
Samuel Romero "Kako" é o motor, o centro do eixe sobre o que xira o equipo. Ten a responsabilidade de facer funcionar ao equipo. Chegounos físicamente baixo ao torneo, pero prefíoroo “coxo” antes que a outro xogador. Ten unha forza motriz bestial, é moi ambicioso e competitivo. Técnicamente moi completo, un xogador que se sacrifica polo equipo. Traballador e humilde. Kako é o referente do equipo.


-Gustaríanos Diego que analizases un por un aos xogadores que tiveches baixo as túas ordes nese IV Torneo Villa de A Guarda e que formaron o "Juanitos. Bodegón Os Seixiños".
1) Martiño Farias “Marti”. Porteiro que vén dunha escola de fútbol base, o Eureka, no Val Miñor e que adestra baixo as ordes de Covelo. Ten 17 anos pero aportounos unha seguridade e unha colocación moi boa. Caladiño o principio pero logo foi soltándose e xa ordeaba á defensa e ao equipo. Encaixou só 2 goles en todo o torneo (8 partidos), chegando a semifinais coa portería a cero.
2) Jorge Solla. Defensa central. 18 anos, do Tyde (con moitas “noivas”, é pretendido por moitos clubs). Nos deu todo, esa estabilidade defensiva que buscábamos. De aí o non encaixar goles ata semifinais. Ten potencia, colocación, en definitiva, un xogador moi completo.
3) José Manuel Romero. Lateral esquerdo. Xogador do Pontellas (Preferente), irmán de Kako, conta con 28 anos. Lateral con moita profundidade, dono e señor da banda esquerda. É moi seguro en defensa.
4) Juan Carlos Álvarez. Lateral dereito. O meu irmán. É o veterano do equipo, ten 36 anos. Aportounos intensidade e seguridade defensiva. Sempre cumpre co traballo.
5) Samuel Romero “Kako”. 23 anos. Xogador tamén do Pontellas en Preferente. Como dixen antes, o noso referente.
6) Guillermo Álvarez “Kako II”. Mediocentro. Xogou anos atrás no Goián. Aportounos forza, chegada a portería e goles.
7) Diego Pereira. Dianteiro. Xogador que nos aguantaba moi ben o balón de costas á portería. Arrastraba aos centrais, cun desmarque de rotura moi bo. É un dianteiro goleador que neste torneo non tivo moita fortuna, pero aportounos moito traballo.
8) Rodrigo Cabreiras “Roy”. Dianteiro. O “filigranas” do equipo. Calquera parte do seu corpo utilízaa como recurso. Aportounos intensidade, gol e sobre todo, fixo moito grupo, caíu en gracia no equipo.
9) Sergio Fernández “29”. (jajajaja) é o noso comodín. Todo comezou fai tres anos, cando decidimos ir xogar un fin de semana a este mesmo torneo, “en plan risas”. 29 ten un físico fóra do común. Aportounos todo o que puido –que non foi pouco- ata que se lesionou no seu xeonllo.
-Logo acompañáronnos tamén nalgún partido 10) Carlos Ubeira, xuvenil do Pontellas e 11) Adrián, de nacionalidade danesa, que cumpriron co traballo esixido.


Na imaxe, con Sergio Rodríguez "Trinta", xerente do Bodegón Os Seixiños

-Este ano tivéchedes como patrocinador ao Bodegón-Tapería Os Seixiños, rexentado por outro rosaleiro. Cóntanos máis.
As conversacións comezaron xa no mes de decembro de 2013, cando estiven en Galicia. Propúxenlle a Sergio Rodríguez “Trinta” facer un equipo de fútbol. Patrocinounos e involucrouse ao máximo, dende pagarnos a inscrición ata facernos as camisetas. Colaborou en todo momento, incluso asistindo aos partidos, foi o noso “Tito Floren” (jejeje). Quero agradecerlle enormemente o seu compromiso con nós dende o primeiro día.

-Se houbera un once ideal do torneo. ¿cres que habería algún integrante do equipo "Juanitos. Bodegón Os Seixiños"?
Para min, por suposto, o meu equipo é o mellor sempre. Tres xogadores dos Juanitos estarían tranquilamente nese once, na miña opinión: Jorge Solla, Samuel Romero “Kako” e José Manuel Romero. Estiveron a un nivel altísimo.


             
-En dúas palabras, define por liñas as claves do teu equipo.
-As nosas claves foron, por exemplo, que propuxemos unha defensa moi férrea, que nos permitiu como xa dixen, chegar a semis sen encaixar un gol.
PORTERÍA: Seguridade e colocación.
DEFENSA: Moi férrea e concentación.
MEDIO: Estabilidade e unión.
DIANTEIRA: Sacrificio e gol.

            Diego dando instrucións aos seus xogadores durante o IV Torneo de Fútbol 7 Villa de A Guarda

-¿Que tal nesta experiencia do banquillo, o equipo fíxote caso?
Pois si, o que lles ordenaba en cada momento os xogadores levábano a cabo correctamente, mostrando respecto e confianza en todo o que se lle indicaba. Contento, pois fixemos algunha variante táctica que logo no campo se ía transformando en realidade.

-Polo que publicas nos teus perfís das redes sociais facebook e twitter, estiveches en moitos e importantes partidos en Madrid.
A verdade, adoito asistir ao Estadio Santiago Bernabéu, como socio e afeccionado da institución. Estiven tamén no Vicente Calderón, destacando o partido entre as seleccións de España e Italia, que rematou 1-0, con gol de Pedro, sendo o debut de Diego Costa, con homenaxe a Luis Aragonés incluído.


-¿Que xogadores profesionais te teñen impresionado ao miralos en acción, en directo no campo, tanto en activo como xa outros "veteranos retirados"? ¿Que tal Zidane?
A Zidane mireino xogar varias veces. (¡Buahh… Relax!) Con el é unha sensación de deixarte levar… fútbol a outro nivel. Cando ten o balón nos pés date seguridade, como que vai a progresar con el e que vai a crear perigo en cada acción. Xoga moito co corpo, con esas largas pernas… ¡é incrible! Outros xogadores, como por exemplo Modric, tamén podería encher folios falando del. É moi completo. Logo está Ramos (raza e carácter), Rakitic, que me deslumbrou no Bernabéu... Andrés Iniesta, Bernat (lateral do Valencia agora fichado polo Bayern), Pablo Infante do Mirandés, para ser de categorías máis baixas, sorprendeume. Un xogador técnicamente moi dotado. Santillana, dos "veteranos", cos anos que ten, física e técnicamente segue gardando o seu xogo. E, por suposto, Cristiano Ronaldo, que ten un físico prodixioso, potencia, velocidade, é un portento físico, puro e duro.

-Xa para rematar, aparte de fútbol ¿cómo e a vida pola capital de España? ¿Adáptaste, lévalo mellor?
Como ben saben os que me coñecen, non me é moi doado alonxarme da Terra (Jalleira). Xa son catro anos por Madrid e a morriña… ufff. Tírame moito isto, pero… o que pasa é que como di o refrán "o que algo quere, algo lle custa”.


-Diego, envía para quen queiras unha mensaxe ou unhas palabras para Noticias O Rosal e os seus lectores/as.
O meu sincero agradecemento a Noticias O Rosal e a Juan Ramón por esta entrevista. Grazas tamén ao Concello do Rosal, pola súa cesión do Estadio Municipal para que poida adestrar e por estar sempre axudando no que se lle pide. Agradecemento ao Bodegón Os Seixiños, a todos os que respetan o que fago, o que me gusta. Aos meus amigos, aos meus compañeiros de clase na Federación e a todos os mestres e directivos polo seu trato. E por suposto, grazas a Patri, xa que sen ela todo isto sería imposible. Un saúdo para todos.


                                          Diego, coa súa moza, Patri, no Estadio Vicente Calderón

Graciñas Diego por concedernos esta entrevista. Dende Noticias O Rosal, moitos éxitos na túa carreira deportiva. ¡Desexámoste o mellor!

O Rosal, 22-23 de xullo de 2014.

1 comentario:

  1. Ler isto, non sei por que, púxome a carne de galiña.
    Estou mou orgullosa de Diego, por todo o que loita para conseguir sempre o que quere.
    Moitas gracias Juan por todo, graciñas de verdad, por aconsellalo e demais.

    '¡NORABOA JUANITOS, SODES GRANDES!

    ResponderEliminar