TABAGÓN EN FESTAS (DÍAS 29, 30 E 31)

EN PROBAS

EN PROBAS

10 jun 2010

Noticias O Rosal entrevista a Serafín


O rosaleiro Serafín Martínez Acevedo (Martín, 14 de febreiro de 1984) é ciclista profesional dende o ano 2007 e pertence ao equipo Xacobeo Galicia. O seu éxito máis recente foi o de conseguir gañar a clasificación xeral do Premio da Montaña en Baviera (Alemaña).

Falamos con el con motivo da entrega de dous destes maillots, o primeiro en agradecemento ao apoio da Fundación O Rosal, na persoa do seu presidente, Benedicto Sousa Álvarez. O segundo, o que efectuará o vindeiro martes 15 de xuño na Peluquería Avelaíña de Tui, a Belén Queiruga, como gañadora do sorteo levado a cabo entre os amigos da nosa web no Facebook.

Boas tardes Serafín, en primeiro lugar felicitarte pola túa fenomenal actuación en Baviera e en segundo, darte as grazas por concedernos esta pequena entrevista. Comecemos entón sen máis preámbulos a realizarte unhas cantas preguntas ao redor desta vitoria e do teu futuro máis inmediato no deporte da bicicleta.

-¿Con que sensacións volviches a casa, a O Rosal, despois de gañar o premio da clasificación xeral da Montaña na Vuelta a Baviera?
Pois como podedes imaxinar moi boas. É unha enorme alegría. Levaba todo o ano intentando sacar algo positivo pero xa por lesións, xa por caídas, non fóra posible. Despois da Vuelta a Castilla-León púxenme a adestrar aínda con máis intensidade e parece ser que deu os seus froitos.

-Cóntanos un pouco cales foron os pasiños ou mellor dito “pedaladas” que tiveches que dar para conseguir este éxito.
Todo comezou xa na primeira etapa. Metinme nunha fuga apenas disputados sete kilómetros na compaña de tres corredores, Daniel Sesma (Euskaltel-Euskadi), Nils Plötner (Heizomat) e Luc Hagenaars (Kuota-Indeland). Mantivémonos xuntos ata a subida ao único porto do trazado, de primeira categoría, onde a partir de aquí e a falta de 30 km quedeime na cabeza de carreira só co alemán Plötner, que certamente estaba mal, case non relevaba, tirando practicamente eu só. E bueno, cando quedaban tan só uns 800 metros para a liña de meta colléronos… unha mágoa porque estiven a puntiño.
Na imaxe, Juan González, Serafín Martínez e Benedicto Sousa pousan co maillot na Fundación O Rosal

-Terías que sufrir para manter ese maillot durante cinco etapas… ¿ou foi coser e cantar?
Para nada, realmente foi bastante duro. Na segunda tiven que defender o maillot nos portos de montaña, aínda que non puntuei xa que ía diante unha escapada. Na terceira etapa puntuei no primeiro puerto e logo tiven un despiste…

-¿Que te pasou? Cambioute a cara por completo…
Uff, normal… pois a metade de carreira faltaban 70 ou 80 km, pensei que tiña unha roda mal, que había que cambiala e ao chegar arriba a xente comezou a tirar e tiven que desgastar dunha forma enorme. E claro, bronca con razón do director deportivo Vidal. Quedei fastidiado porque sabía que estaba moi ben e estaba cos 5 ou 10 mellores desta “Volta a Baviera”. Pasamos a contrarreloxo e na última etapa si que tiramos de táctica enfrontándonos ao equipo do alemán, con Eze, David e Veloso reventándoos xa dende o principio para conservar o meu maillot.

-¿Que tal entón en xeral por terras xermanas, que impresión te causaron?
Para empezar destacaría a limpeza que existe, todo o que hai está ordenado, moi verde, impecable… Outro detalle que saltaba á vista é que existía moita educación, un respeto incrible. Aparte, a cervexa era máis barata que a auga… (risas) En serio, no podium, para celebrar as vitorias, en vez do champagne dábannos auga con gas… A verdade é que fixemos un bo papel e a organización da carreira quedou moi contenta con nós, xa que estivemos todas as etapas dando guerra. É máis, xa nos comunicaron que quedamos convidados por este motivo para o próximo ano.

-¿Cales son as túas próximas citas da competición?
Este mes, do día 17 ao 20 participarei no Tour de Eslovenia, sendo a nosa primeira participación nun país dos Balcanes. Despois, o domingo 27 de xuño disputarei o Campionato de España de Fondo.

Pois pola nosa parte nada máis, tan só desexarte moita sorte e novos éxitos. ¡Dende Noticias O Rosal, graciñas Serafín!
Graciñas a vós, como sempre, un placer.

O Rosal, xuño de 2010.

0 comentarios:

Publicar un comentario