O sábado 8 de maio comezou a peregrinación por etapas do Camiño Portugués da Costa que organiza o Concello do Rosal. Xa moi cedo, antes da saída oficial os participantes da andaina recibiron a bendición do abade párroco D. Julio Ramos Rodríguez na igrexa de Santa Mariña.
Nada máis finalizar este acto relixioso os peregrinos subiron a un autobús que os levaría ata o comezo do tramo do Rosal, en Portecelo e Sanxián.
Nun ambiente de cordialidade, bo humor e compañerismo realízanse os primeiros quilómetros pola costa rosaleira ata chegar a Santa María de Oia, onde se sellou a credencial do peregrino.
Cunha mañá perfecta para camiñar, con boa temperatura e ceos despexados proseguiuse polo municipio oiense, con parada para comer no Camping de Mougás. Aquí descansouse un pouquiño e novamente se iniciou o camiño ata Baiona, subindo polos montes de Baredo.
Cunhas panorámicas verdadeiramente impresionantes ao longo de todo este tramo -e aínda que ao final con algunhas gotiñas de choiva e moitos quilómetros nas pernas- os camiñantes foron chegando "sans e salvos" ao seu primeiro destino baionés.
Como curiosidade e como nota dese bo humor reinante, dicir que durante esta primeira etapa o grupo de cabeza -a "teté de la course"- ou tamén chamado cariñosamente polos propios participantes o de "Pedrosa e compañía" impuxeron un forte ritmo que foi ben seguido de preto polos demais integrantes desta actividade. Porque como ben dicía o "pelotón peregrino", non hai présa, o importante é chegar, xa que cada un ten o seu paso e ata Santiago aínda quedan cinco longas etapas para disfrutar.
Podedes ver todas as fotografías desta primeira etapa facendo clic aquí.
Podedes ver todas as fotografías desta primeira etapa facendo clic aquí.
0 comentarios:
Publicar un comentario