O conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, visitou o xoves 13 de maio o Concello do Rosal e o Xulgado de Paz da localidade, onde aproveitou para destacar a importante labor que desenvolven estes órganos, que contribúen de xeito decisivo a aliviar a conxestión dos xulgados galegos e a achegar a administración de xustiza aos cidadáns.
En declaracións aos medios de comunicación ao termo da visita, Rueda recordou que un total de 270 concellos galegos contan con xulgado de paz, aos que no ano pasado a Xunta achegou case 600.000 euros para subvencionar os seus gastos de funcionamento, repartidos segundo a poboación de cada un dos municipios.
Ademais, a Consellería de Presidencia e os alcaldes de 18 municipios menores de 7.000 habitantes asinaron o ano pasado un convenio de colaboración polo que a Xunta subvenciona con 8.000 euros anuais aos municipios para financiar os gastos de contratación laboral do persoal idóneo da secretaría dos xulgados de paz.
A Lei de Demarcación e Planta establece que para o desempeño da secretaría dos xulgados de paz de menos de 7.000 habitantes, o concello nomeará unha persoa idónea para atender estas secretarías, que dependerá directamente da Administración local.
Sen embargo, no caso do Rosal a Xunta pediu ao Ministerio que dotase ao xulgado de paz dun funcionario do corpo de xestión procesual e administrativa, dada a proximidade do concello aos 7.000 habitantes. Así, dende xaneiro, o xulgado de paz do Rosal conta cun funcionario interino do corpo de xestión procesual e administrativa, que fai de secretario do órgano.
Alfonso Rueda, na compaña de Juan José Martín Álvarez, Director Xeral de Xustiza, do alcalde Jesús Mª Fernández Portela e distintos concelleiros, tamén coñeceu de primeira man as instalacións do Centro Social Polivalente e do Auditorio Municipal, onde foi saudando un por un a todos os seus traballadores.
Velaquí vos deixamos a nosa reportaxe fotográfica completa.
0 comentarios:
Publicar un comentario