FAI CLIC E DESCUBRE O NOVO DESEÑO DA WEB CULTURAL NOTICIASOROSAL.ES

Noticias O Rosal estreou o 7 de marzo novo deseño e contidos. Este blog manterase na rede, de momento, ata novo aviso, como complemento á páxina web

A VILA DO ROSAL DESPIDE CON EMOCIÓN A JOSÉ MARTÍNEZ GONZÁLEZ "PEPIÑO BERDEAL"

O ex-funcionario do Concello do Rosal e presidente da Asociación de Comerciantes da vila, era un dos veciños máis apreciados dos últimos tempos

VITORIA DE GABRIEL MARCELLI EN LLEIDA NO CAMPIONATO DE ESPAÑA DE TRIAL

O piloto rosaleiro vence na categoría júnior na proba valedeira para o “Spa RFME Campeonato de España de Trial Individual 2015”

ACTO DE CLAUSURA DO CURSO DE MONITOR DE FÚTBOL BASE CELEBRADO EN O ROSAL

A Casa Consistorial acolleu a entrega de diplomas e clausura do Curso coa presenza dos coordinadores José Luis Mosquera e Manuel Mosquera.

MÁXIMA EXPECTACIÓN ANTE A CHEGADA DA SEXTA EDICIÓN DA CARPA CARNAVAL DE FORNELOS

Entre outros, actuarán dende o venres 13 ata o martes 17 de febreiro, nestas Festas de Entroido: Traffic House, Dj Carlie, Diego Mei, Vallejo, Micy Dj, etc

A PRAZA DO CALVARIO ACOLLEU A VISITA E RECEPCIÓN DOS REIS MAGOS DE ORIENTE

As Súas Maxestades estiveron durante horas na vila do Rosal repartindo multitude de agasallos a pequenos e maiores, entre eles, libros e lambetadas

A ROMARÍA DE SAN MARTIÑO 2014 EN O ROSAL CELEBROUSE O DOMINGO 30 DE NOVEMBRO

A saída do Santo en procesión dende a igrexa parroquial de Santa Mariña, na Praza do Calvario, ata a súa ermida, foi ás 10:30 horas.

O PILOTO ROSALEIRO GABRIEL MARCELLI PROCLÁMASE TRICAMPIÓN DE ESPAÑA DE TRIAL

Gabriel Marcelli Carballido adxudícase o título tras vencer en Cabanillas de la Sierra (Madrid). Tamén consegue ser Campión Galego por quinta vez.

PRESENTACIÓN DA SEGUNDA EDICIÓN DO EVENTO DEPORTIVO “15K DEL ATLÁNTICO”

A carreira e a andaina 15k del Atlántico celébranse este domingo 5 de outubro percorrendo os concellos de Oia, O Rosal e A Guarda

O ESPECIALISTA DEFENSIVO ARKAITZ VARGAS FICHA POLO ACANOR ATLÉTICO NOVÁS

Na imaxe da presentación, Manolo “Campelo”, Moncho Vicente, Andrés Senra, Daniel Martínez, Arkaitz Vargas, Roberto Fernández e Modesto Augusto

ÉXITO TOTAL DA I EDICIÓN DA ANDAINA E CARREIRA “10K O ROSAL. FEIRA DO VIÑO”

Na imaxe, os gañadores absolutos da carreira 10k O Rosal Feira do Viño. No máis alto do pódium, Nuno Costa e Paula Mayobre. Más info neste enlace.

OS COORDINADORES DO 10K O ROSAL, ENTREVISTADOS NA RADIO MUNICIPAL DE TUI

Os rosaleiros Juan Ramón Martínez Barbosa, Óscar Vicente Rodríguez e Serafín Martínez Acevedo falaron da andaina e da carreira nos estudos da RMT

REPORTAXE FOTOGRÁFICA DA XIV ANDAINA “VAL DO ROSAL. O PARAÍSO DENDE AS ALTURAS”

Na imaxe, os participantes desta andaina, que visitaron o punto máis alto da vila, nos montes do Campo do Couto e os petroglifos próximos á Fonte do Home.

NOVA VITORIA DE GABRIEL MARCELLI CARBALLIDO NO CAMPIONATO DE ESPAÑA DE TRIAL

O piloto rosaleiro, imparable, é o favorito para facerse -por terceira vez- co Campionato de España de Trial. As próximas citas, Vila de Cruces e Andorra.

O ROSAL E O ATLÉTICO NOVÁS QUEREN FACER HISTORIA, por Juan Ramón Martínez Barbosa

Artigo do director de Noticias O Rosal, onde fala da Fase de Ascenso á División de Honor Prata do balonmán nacional que se celebra os días 2, 3 e 4 de maio

DEPORTISTAS E CLUBS, HOMENAXEADOS NO II RECOÑECEMENTO AO MÉRITO DEPORTIVO

O pasado sábado 12 de abril o Auditorio Municipal acolleu os premios aos mellores deportistas e clubs da vila. Na imaxe, autoridades e homenaxeados.

REPORTAXE FOTOGRÁFICA DA XIII ANDAINA O ROSAL. COÑECE O TEU CONCELLO

A vindeira andaina deportivo-cultural pola vila do Rosal celebrarase o vindeiro sábado 10 de maio, con saída dende o Alto da Portela (Marzán)

O 12 DE ABRIL CELÉBRASE O II ACTO DE RECOÑECEMENTO AO MÉRITO DEPORTIVO DO ROSAL

Na imaxe de 2011, na I edición, Gerardo Álvarez (ciclismo), Manolo Armán (balonmán) e Félix Piñel (atletismo) reciben os premios “Mención de Honra”.

ACTUACIÓN DO GRUPO ADREDDE NA FESTA DE ENTROIDO 2014 DE FORNELOS (O ROSAL)

O sábado 1 de marzo achegámonos ata Fornelos para ver en directo a animada actuación do Grupo Adredde e comprobar o ambientazo de Entroido

O LIBRO “MOLINOS” PRESÉNTASE EN PONTEVEDRA CON MENCIÓN ESPECIAL PARA O ROSAL

A nosa vila estivo representada polo alcalde, Jesús Mª Fernández Portela, así como por Tamuxe e Juan Ramón, autores do libro da historia dos Muíños do Folón-Picón

O ENTROIDO DE FORNELOS 2014, SERÁ, SEN DÚBIDA, DOS MÁIS ESPECTACULARES DA HISTORIA

Impresionante programa de Festas, con orquestras e grupos musicais, actuacións para nenos, Corrida do Galo, Frixidelas e como non, a 5ª edición da CARPA.

O ROSAL HOMENAXEA AO CICLISTA RAÚL FERNÁNDEZ, CAMPIÓN DE GALICIA E DE ESPAÑA

Na imaxe, Raúl Fernández na compaña dos seus compañeiros e directivos do Club Ciclista O Rosal, na recepción ofrecida no Concello.

RAÚL FERNÁNDEZ PROCLÁMASE EN CASTELLÓN CAMPIÓN DE ESPAÑA DE CICLOCROSS

Na imaxe, Raúl, flanqueado á esquerda polo exciclista profesional Serafín Martínez Acevedo e á dereita polo triatleta internacional, Óscar Vicente Rodríguez.

PROXIMAMENTE ANUNCIARASE A DATA DA II RUTA GUIADA ORGANIZADA POR NOTICIAS O ROSAL

A I Ruta Guiada Noticias O Rosal levou aos participantes a coñecer todos os segredos da ruta e historia dos emblemáticos Muíños do Folón e do Picón.

OS REIS MAGOS REPARTEN AGASALLOS A CENTOS DE NENOS/AS EN O ROSAL

Reportaxe fotográfica (máis de 300 imaxes) da visita e recepción na vila do Rosal de Melchor, Gaspar e Baltasar.

NOVO CONXUNTO DE GRAVADOS CRUCIFORMES NO LUGAR DAS CORTES

O historiador rosaleiro Xoán Martínez Tamuxe fala no seu blog deste achádego, recreación da cruz cristiá (séculos IV-V d. C.)

SERGIO RODRÍGUEZ, NETO DO CABAQUEIRO MANUEL "TRINTIÑA", INAUGURA “O BAR DO TRINTA"

Na imaxe, Serafín Martínez Acevedo (exciclista profesional e emprendedor deportivo), con Sergio (xerente do Bodegón-Tapería Os Seixiños. O Bar do Trinta).

TABAGÓN EN FESTAS (DÍAS 29, 30 E 31)

EN PROBAS

EN PROBAS

25 oct 2010

Obradoiro "Familias Conectadas", ¡Participa!

A concellaría de Servizos Sociais e Muller do concello do Rosal está moi interesada en fomentar o contacto entre familias para o intercambio de experiencias, formación, etc. Por iso quérese organizar o obradoiro FAMILIAS CONECTADAS que serán reunións periódicas de nais, avoas, pais que teñan ao seu cargo menores de 3 anos e queiran compartir o seu tempo con outras familias.

O obradoiro vai a ser impartido por unha técnica de educación infantil que falará sobre os coidados dos/as menores e temas como o sono, a alimentación, a estimulación dos/as pequenos/as, a saúde…. Vai a ser unha experiencia moi enriquecedora xa que os/as propios/as participantes marcarán o ritmo das sesións.
 

Se estás interesado/a e queres participar, fala coa Educadora Familiar do Concello, que está todos os días no Centro Social Polivalente ou chama ao teléfono 986 60 94 50.

Emilio Flores. In memoriam. Capítulo III



Emilio, gaiteiro, por X.M.T.

Despois do introdutorio capítulo I e do segundo, "Emilio, cabo provisional", seguimos coa nosa homenaxe a este mestre de Novás. 

Fillo de pai músico na Banda "La Peña", de Alfonso Ulloa e logo da Agrupación "Charanga", de Generoso da Carlota (Canastreiro), o xove Emilio comeza os estudos de solfeo en Belesar.

Alí cursará o Primeiro Método de Eslava, clave de sol, baixo a dirección do seu disciplinado parente, Manuel Blanco, membro da Banda de Música de Baiona, onde tocaba o baixo.

O seu primeiro instrumento foi unha flauta de lata (xoguete), formando el e dous nenos máis unha "charanguilla" de torreiro. O seu avó José, ao ver que o neno prometía, comproulle ao profesor Ulloa un "punteiro" que Emilio dominaba á perfección.

Isto fixo que, aos poucos meses, o propio avó lle volvera a encargar a Ulloa unha gaita (de buxo) con "chave" (re, agudo) cuxo coste foi de 60 pesetas e que pagou a familia de Belesar. Esta gaita acompañouno no servizo militar, a partir do destino de Cuenca.

Anos despois compraría unha nova, que pertenceu a Eduardo Fernández (Diño) e que foi adquirida na coñecida "Casa de la Música Villanueva", de Vigo.

Emilio organizou sobre 1941 o primeiro grupo musical que algúns chamaban "Os Portelas". Os integrantes eran: Emilio (gaita), Donato (gaita) e os irmáns Benedicto e Indalecio da Portela (caixa e bombo respectivamente). Actuaron por vez primeira (tiñan gorras e camisas blancas como indumentaria) ademais de nas festas populares de San Juan e San pedro, nas Festas do Monte Santa Trega (1942).

Alá por 1943-1944 se reforzou a agrupación, seguindo coas súas actuacións e coñecéndoselles agora por "Os Parrandeiros".


 
En 1944 se reestruturou o grupo con Emilio e Pepe (o seu irmán) que tocaban a gaita; os irmáns da Portela, caixa e bombo e Celso de Refoxos, requinto. Tiñan xa uniforme en color verde con gorras de prato.

O mordomo das Festas do Carme daquel ano era o "Tío Joaquín de Griselda" (O Alambrador) que os bautizou co arxentinísimo nome de "Los Cinco Pibes".

Sobre 1946 Emilio e Pepe Flores fundan o grupo "Os Albariños do Rosal", nome dado pola Comisión de Festas do Trega dese ano ao consignalo no seu famoso libro-programa.

Nun tempo intermedio no que se suspenderon actuacións dos "Albariños", Emilio formou parte da "Orquesta Flores" e do grupo gaiteiro "Os Terribles" de Donas (Gondomar) dende 1981 ata 1987.

Proximamente: Emilio, profesor de gaita, augardenteiro e carboeiro.

22 oct 2010

Final do I Campionato de Play Station - FIFA 11



Mañá, sábado 23 de outubro, ás 19:00 horas na Praza do Calvario, e en concreto no Salón de Exposicións municipal, terán lugar as últimas partidas do xogo de fútbol Fifa 11, correspondentes ao I Campionato de Play Station que se instaurou con motivo da XXIII Festa do Cabaqueiro.

Pablo Martínez Alonso agarda xa ao seu contrincante na Final que sairá do cruce de “semis” entre Carlos Daniel Díaz Pereira e Diego Martínez Alonso.

Os partidos veranse en pantalla xigante.

21 oct 2010

Inauguración das Exposicións Culturais



O pasado 9 de outubro tivo lugar a inauguración das Exposicións Culturais con motivo da XXIII Festa do Cabaqueiro.

O acto, que contou coa presenza do alcalde, Jesús Mª Fernández Portela, foi presentado pola concelleira de Cultura, Charo Tabales Perozo, quen fixo unha introdución do significado e importancia desta exposición, realizando así mesmo unha semblanza biográfica dos artistas participantes na mostra.


Lembrou a edil que –como cada ano- tamén estaban expostas diferentes e importantes pezas e ferramentas relacionadas cos vellos mestres telleiros, que están cedidas e depositadas por particulares e que formarán parte dos fondos do futuro Centro de Interpretación municipal, na sección do “cabaqueiro”.

Tabales Perozo, na compaña do Alcalde e de representantes de distintas asociacións socio-culturais, realizaron un percorrido polas obras de Emilio Cabezas, Carmen Gómez, Gerardo Rebagliate, Praxíteles González, Manuel J. Fernández Gómez e Basilio Calzado, que foron os expositores convidados nesta edición da Festa do Cabaqueiro.

Os 7 Magníficos + 1, de novo na vila do Rosal



Este domingo 24 de outubro ás 20:00 horas no Auditorio Municipal do Rosal terá lugar a representación de “O Gordo e o Calvo van ao Médico”, unha produción clown de Os 7 Magníficos + 1, dirixida por Iván Prado.

Este espectáculo está promovido por "festiclown" e conta con Francisco Rei e Pedro Brandariz como protagonistas.

Despois do éxito acadado con O Gordo e o Calvo, con máis de 50 representacións, tanto en Galicia como no resto do Estado, Os 7 Magníficos + 1 recuperan os seus dous personaxes máis populares para esta nova aventura clown: O Gordo e o Calvo van ao Médico.

Seguindo a liña do anterior, neste divertido espectáculo recupéranse e actualízanse algunha vella farsa dos pallasos de circo, mesturándose con situacións cómicas novas de creación propia. O humor máis clásico fusiónase coa creatividade e actitude de risco características desta compañía, para compoñer unha obra cómica en torno ao mundo dos médicos.

A idea de O Gordo e o Calvo xurdiu a partir do traballo -na primavera de 2002- de Os 7 Magníficos + 1 co prestixioso clown italiano Carlo Colombaioni, considerado por moitos/as como o mellor pallaso do mundo, co obxectivo de acadar un espazo pequeno no teatro galego para os números clásicos e sinxelos do mundo do pallaso de circo, a través de espectáculos de pequeno formato que, polas súas características, puideran adaptarse practicamente a calquera espazo escénico, tanto en interior como en rúa. (Fonte: Culturactiva)

20 oct 2010

2ª Marcha BTT. Serra da Groba, Zona Sur


O domingo 31 de outubro a partir das 9:30 horas terá lugar a 2ª Marcha BTT. Serra da Groba, Zona Sur. A Guarda- O Rosal.

Este evento está organizado polos Concellos da Guarda e do Rosal coa colaboración do Club Ciclista Guardés, o Club Ciclista O Rosal, Larsa, Fruitas Vilar e as OMIX dos municipios citados.

O percorrido é o seguinte: Alameda da Guarda – Torroso – Pico da Bandeira – Alto da Portela – A Valga – Capela de San Martiño – Muíños do Folón e do Picón – O Calvario – Capela de Santa Ana – Sandián – Pancenteo – A Guarda.

En total serán uns 35 km de Mountain Bike, de dificultade media. A organización confirma que haberá asistencia médica e mecánica.

Para máis información e inscricións na Omix da Guarda no teléfono 986 61 45 46 e na OMIX do Rosal no teléfono 986 60 94 50. Así mesmo no email deporte@aguarda.es. A data límite para inscribirse é o xoves 28 de outubro.

Obradoiros para nenos/as no Cabaqueiro


O sábado 9 e o luns 11 de outubro celebráronse na Praza do Calvario distintos obradoiros con motivo da XXIII Festa do Cabaqueiro.



Unha vez máis algúns dos mestres telleiros como Trintiña, Piedra, Telis ou Juanciño ensinaron a súa arte de facer tellas e ladrillos a man aos máis pequenos.

Luisa e Sonia de "Azul y Lila" tamén ofreceron na xornada do luns unhas clases de reciclaxe, goma eva e pintado de tellas.

19 oct 2010

Cursos de cociña, arte floral e maquillaxe



Participantes nun dos pasados cursos de automaquillaxe

Hoxe, martes 19 de outubro, o Concello do Rosal iniciará un curso de cociña que será impartido por Lidia Pérez. A súa duración, dúas horas á semana durante dous meses.



Por outra parte aínda quedan prazas para o curso de automaquillaxe e de arte floral, que tamén constará de oito clases, dedicándose as tres últimas a realizar “centros de Nadal”.

Para máis información, poden achegarse ata o Centro Social Polivante ou chamando ao teléfono 986 60 94 50.

18 oct 2010

O Baixo Miño lembra a "Os Cabaqueiros"



O pasado venres 8 de outubro tivo lugar no Centro Social Polivalente a Presentación do II Campionato de Futbolín "Os Cabaqueiros 2010", organizado polo Concello coa colaboración da nosa web, a Fundación O Rosal e Caixanova.

Deu a benvida aos asistentes o alcalde, Jesús Mª Fernández Portela, que estivo acompañado neste acto -entre outros- pola concelleira de Cultura, Charo Tabales Perozo, o de Xuventude, Pablo Flores Díaz, así como por Juan González Domínguez e Rafael Martínez López, representantes da Fundación O Rosal. O escultor local Julio Martínez Martínez tamén estivo presente apoiando a iniciativa.



Presentou o evento Juan Ramón M. Barbosa, técnico de Cultura e á vez coordinador de Noticias, quen explicou as regras do torneo e deu a coñecer os nomes dos equipos participantes neste II Campionato na honra e lembranza dos cabaqueiros do Rosal e do Baixo Miño.

Destacar así mesmo a exemplar colaboración, prestada para a ocasión, do goianés Rubén Santos Paz (Delio), quen -previo sorteo- se encargou de realizar os pertinentes emparellamentos e axudar en todo o relacionado coa organización deste torneo.

Todos os participantes foron obsequiados cunha camiseta. Ás tres primeiras parellas do pasado ano tamén se lles agasallou cun prato conmemorativo, cunha imaxe gravada deles no podium, cos vellos mestres telleiros.

 "A Peña do Futbolín" ofreceu ao remate da presentación uns pinchos e un viño galego.


Equipos inscritos:

- YEYA E LUIS (BAR TROYA). Sergio Casal Fernández e Luis Martínez Pereira.

- OS ARGINAS. Braulio Álvarez González e Sergio Rodríguez Álvarez

- OS CATAS. Diego Álvarez Fernández e Diego Martínez Alonso

- OS DAORDES. Antonio Lomba Rodríguez e José Martínez Fernández.

- OS DA JALLEIRA. Jorge Martínez Barbosa e Sergio Fernández González.

- OS FERRETES. Roberto Martínez González e Jorge Domínguez Rodríguez.

- PUB J&J. Ana Pérez Otero e Sofía Gómez Sobrino.

- BE WATER MY FRIEND. PARIÑA BORETA DAORDE. Santiago Lima Ameal e Daniel Rodríguez Rodríguez.

- BAR FLORO: Maite Martínez González e Noelia Álvarez Baquero.

- OS BUXAS: Sergio Diego Fernández e Jorge Silva Álvarez.

- O JITO: Daniel Rodríguez Martínez e Lucas de Santiago Gómez.

- DEFUSERS: Sergio Martínez e Tomás Santos Suárez

- OS CHURUMBELEIROS: Ruth Martínez Barbosa e Ángel Martínez Diego.

- OS ZARABETOS: Sergio González Dorado e Miguel Rodríguez González.

- OS XIDOS: Gustavo Jurado Fernández e Juan Ramón Martínez

- JALEGIÑAS: Mary Domínguez Rodríguez e Sonia Castro Rodríguez

- NAS MARABALLAS: Efrén Rodríguez Rodríguez e Raúl González Martínez

- PORTECELO: Marcos Casal Fernández e Carlos Alberto Álvarez da Concepción

- INFIERNO BLANCO: Francisco Javier Treinta Rodríguez e Alberto Pérez Rodríguez.

- SKAPE 34: Óscar Rodríguez Vicente e Roberto Rodríguez González.

14 oct 2010

David Gómez: "Todos intentan retirarme"



O decatleta rosaleiro David Gómez Martínez foi entrevistado polo xornalista Armando Álvarez, do Faro de Vigo. Velaquí vos deixamos o enlace ás xugosas declaracións do noso olímpico. Foto: Jesús de Arcos.

Encontro de Corais no Auditorio Municipal



Con motivo do VI aniversario da Coral da Agrupación Musical do Rosal, o sábado 23 de outubro, a partir das 20:00 h, terá lugar no Auditorio Municipal unha Mostra Coral.

Actuará a anfitriona Coral da Agrupación Musical do Rosal xunto coas invitadas para a ocasión, a Coral Polifónica Eixil (Cedeira-A Coruña) e o Orfeón Lucense (Lugo).

O concerto está patrocinado por FE.CO.GA (Federación Coral Galega) e pola Xunta de Galicia.

O Festival Rosal Rock, este venres día 15


O Festival Rosal Rock '10 -que se tivo que suspender a semana pasada polo mal tempo- celebrarase este venres 15 de outubro na Praza do Calvario ás 22:00 horas co seguinte cartel:

Copenhague
The Winning Numbers
The Inspectors
QuédeQué!

A retransmisión do evento poderase ver en directo grazas aos nosos compañeiros de Infomiño (http://www.infominho.com/)

13 oct 2010

Comeza no Rosal o servizo de transporte



Segundo se pode comprobar na páxina web do Concello do Rosal -tras realizar un bando o alcalde, Jesús Mª Fernández Portela- comezou, dende este luns 11 de outubro de 2010, o servizo municipal de transporte gratuíto "para todas aquelas persoas que desexen ou necesiten acercarse ata o casco urbano sen necesidade de utilizar vehículo propio".

Podedes ver días, horarios e percorridos facendo clic aquí.

Santiago Lima Ameal, gañador do sorteo

Hai uns minutos, Santiago Lima Ameal, da Guarda, foi o primeiro en confirmar (mediante o Facebook), que era el o posuidor dunha das rifas premiadas, en concreto a que levaba impreso o número 206.

Polo tanto é o gañador do lote completo de produtos, libros e camisetas (incluído o maillot dedicado do ciclista profesional rosaleiro Serafín Martínez) que "A Peña do Futbolín" sorteou durante esta XXIII Festa do Cabaqueiro. ¡A nosa noraboa!

¡Última hora! Mércores 13 de outubro, 23:30 h.

¡Apareceu tamén o nº 0129!
Dende a Organización veñen de confirmarnos que se aparece o nº 294 daráselle un agasallo sorpresa aos propietarios destes dous últimos números.

Números premiados no sorteo dos Cabaqueiros



Os números premiados nas rifas de colaboración para o II Campionato de Futbolín Os Cabaqueiros son os seguintes:
Nº: 0129
Nº: 0206
Nº: 0294

Se en tres días despois desta publicación non aparece o agraciado/a volverase a realizar un novo sorteo. O gañador será o primeiro que acredite posuír algún deses tres números e se levará:
-O maillot de líder da Montaña da Vuelta a España asinado polo ciclista profesional Serafín Martínez Acevedo.
-1 camiseta conmemorativa do II Campionato de Futbolín.
-1 memoria e un plato do Cabaqueiro deste ano.
-2 botellas de viño Albariño.
-1 botella de licor café.
-1 rosca de xema de Confitería Rogelio.
-1 botella de cava Freixenet Carta Nevada.
-1 peluche e bombóns.
-1 libro edición de luxo dos "Muíños do Folón e do Picón na Vila do Rosal".
-1 libro edición de luxo dos "Cruceiros, cruces e almiñas do Rosal".
-3 libros do poeta rosaleiro Manuel da Ventosela.

8 oct 2010

"Ir e Vir" e "Río do Folón" actuarán o día 12


Os grupos de pandereteiras rosaleiros "Ir e Vir" (na imaxe) e "Río do Folón", así como a súa directora, Berta Castro González, piden desculpas ao Concello do Rosal e aos seus veciños, xa que por motivos totalmente alleos á Comisión Organizadora da Festa do Cabaqueiro e á concellaría de Cultura, non asistirán ao Festival de Pandereteiras que se celebrará este sábado na Praza do Calvario.

Lamentan as molestias que isto poida ocasionar, agradecendo por outro lado á concellaría de Cultura a posibilidade que lles brinda para poder actuar na mesma Praza do Calvario o vindeiro martes día 12 de outubro ás 19:30 horas.