TABAGÓN EN FESTAS (DÍAS 29, 30 E 31)

EN PROBAS

EN PROBAS

2 oct 2014

Un Acanor Atlético Novás ferido recibe en O Rosal ao difícil Calvo Xiria


Preparados xa para un novo duelo que se agarda con ganas no Rosal (sábado 4 de outubro ás 19:00 horas). Chega o Acanor ferido (suma un punto de catro posibles), e espera encontrar no Calvo Xiria ao seu bálsamo, aínda que non se antolla como rival doado. 

Os de Carballo, que a pasada tempada acompañou ao Novás na fase de ascenso, chegan con moita ilusión e todas as miradas postas en conseguir de novo ese billete ao sector. O equipo, no que segue ao frente Marcos Rodríguez, continúa co mesmo bloque, e recuperou a unha peza básica como é Pablo Iglesias, xogador que acostuma a estar nos primeiros postos da táboa de goleadores e que o ano pasado probou sorte no Frigoríficos do Morrazo da liga ASOBAL. Tras unha boa experiencia e cunha proposta para continuar, decidiu volver a casa, para aportar ao equipo da súa terra.

Será de novo un encontro duro dentro deste inicio complicado que lle tocou aos pupilos de Modesto Augusto, que volverán a contar coa baixa dunha das altas deste verán, Manu Martínez, un dos pilares do ataque. Un ataque no que a referencia está a ser cos seus goles o pequeno dos Tsybanev, Sergey. O lateral acumula 13 dianas en dous encontros, o que o sitúa como quinto máximo goleador do grupo.

O club agarda unha boa entrada nun dos clásicos dos últimos anos, xa que acostuman a ser partidos igualados e con tensión. Os resultados na 2013-2014 foron 28-25 e 20-23 favorable ao Acanor Novás.

Non será o único encontro que se dispute en O Rosal este fin de semana. O sábado a partires das 16:30, duelo entre dous rivais que se coñecen ben. Os filiais do Acanor e do Seis do Nadal vense as caras na primeira xornada da liga.

0 comentarios:

Publicar un comentario