O martes 27 de outubro tivo lugar no Auditorio Municipal do Rosal unha interesante conferencia informativa que xirou ao redor da nova gripe, a "GRIPE A". Estas charlas están organizadas pola Deputación de Pontevedra coa colaboración da Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia e neste caso do Concello do Rosal. Ata aquí achegouse para falar deste importante e actual tema Margarita Cueto Baelo, xefa do servizo de Medicina Preventiva do Hospital Xeral de Vigo, quen estivo acompañada pola inspectora médica e coordinadora destas charlas, Mª Carmen Campos Puente. O acto foi presentado polo alcalde Jesús Mª Fernández Portela quen deu a benvida e agradeceu a presenza dos asistentes entre os que se atopaban –entre outras- a concelleira de Sanidade, Ángeles Vicente, a concelleira de Servizos Sociais, Mª Carmen Alonso, a concelleira de Educación, Mabel Franco e a concelleira de Cultura, Charo Tabales. Nesta conferencia informativa a doutora Margarita Cueto explicou en que consiste en realidade a Gripe A, indicando que está causada polo virus A (H1N1) e que se transmite de persoa a persoa principalmente polo aire, a través das gotiñas de saliva e secrecións nasais que se expulsan ao tusir, ao falar ou ao esbirrar. Tranquilizou aos asistentes afirmando que na gran maioría dos casos produce unha clínica leve, similar á gripe de sempre, que cura na casa. Esta médica deu uns consellos básicos para previr esta gripe, tal e como lavar as mans frecuentemente, extremando a limpeza nos espazos de convivencia; tapar a boca e o nariz cando se tuse ou se esbirra empregando un pano desbotable que se tirará nunha papeleira. A doutora Cueto indicou que se hai síntomas da gripe mellor quedar na casa para non contaxiar aos demais, en repouso e consumindo os antigripais de sempre. Dende o Concello do Rosal se advirte que ao existir factores de risco de complicacións ou algún síntoma de agravamento é conveniente chamar aos teléfonos sanitarios 902 400 116 ou ao 981 953 400 onde se orientará como actuar, xa que a mellor forma de prevención é a información.
0 comentarios:
Publicar un comentario