Miles de persoas déronse cita este domingo 9 de agosto no monte de Santa Trega na Guarda para disfrutar dun día de lecer e de xuntanza coa familia e os amigos. Varios colaboradores/as de Noticias O Rosal participaron desta romaría-troulada que lembramos se creou en 1913 e por iniciativa de Constantino Candeira, oriundo de Celeiros (Ponteareas) e afincado na Vila da Guarda.
O motivo da creación desta festa foi conmemorar o I aniversario da fundación da "Sociedad Pro-Monte Santa Tecla". En palabras do historiador guardés Joaquín Miguel Villa Álvarez: "Pero además de la carretera y acondicionamiento de la cima, la repoblación y la explotación de los yacimientos arqueológicos, en el año 1913 la Pro-Monte celebró la primera fiesta conmemorativa de su fundación, que al convertirla en romería popular adquirió personalidad propia y se convirtió en una de las tradiciones más famosas de la villa de A Guarda: su fiesta del monte".
En principio asistían só os familiares dos membros de dita sociedade, pero por suposto, diante da súa boa acollida, comezaron a subir ao Monte os veciños da Guarda, O Rosal e arredores. Hoxe en día aquela romaría transformouse tamén en "troulada", onde o viño e os "alegretes" teñen o seu protagonismo, pero -como xa dixemos noutra ocasión- isto non quere dicir que sexa a "Festa de Baco", "Festa do Viño" ou "Festa da Borracheira" como en certos medios de comunicación queren facer ver.
A piques de cumprir o I centenario da súa creación, as Festas do Monte seguen sendo un referente no Baixo Miño e máis agora, que veñen de ser declaradas de interese turístico galego. Velaquí vos deixamos a nosa reportaxe fotográfica deste caluroso e agradable día de festa:
0 comentarios:
Publicar un comentario