Iago, Mario, Zaida, María e Diego. (Fotos: Club Ciclista O Rosal)
A guardesa María Correa e o rosaleiro Mario Fernández, ambos pertencentes ao Club Ciclista O Rosal, son os actuais líderes da Copa Galicia de Ciclocross, con Zaida González moi ben situada tamén no segundo posto en categoría júnior.
Segundo se pode ler na web da Federación Galega de Ciclismo, "Paulo González, en Élite e Sub 23 masculino, e María Correa, Cadete feminino, situáronse como novos líderes nas súas categorías despois da disputa da terceira proba puntuable para a Copa Galicia de Ciclocross celebrada o pasado sábado en Dumbría.
Na idade Junior non hai variacións en ambas clasificacións. Sara Trigo (Salvaterra) non puido lograr a súa terceira vitoria consecutiva. Rematou segunda e mantivo o maillot de líder. Ten 420 puntos e unha diferencia de 80 respecto a súa inmediata perseguidora Zaida González (C.C. O Rosal). María Rodríguez (Coruxo) é terceira con 270.
María Correa aproveitou en Cadete feminino a ausencia de Carla Fernández (Redondela) para asaltar o liderado. A do conxunto do Rosal manda agora con 300 puntos, 30 máis que Carla e Ana Belén Domínguez (Marín). Na competición masculina outro representante da formación rosaleira, Mario Fernández, conserva o trono, pero Adrián Barros (Coruxo) recurtou distancia e situouse a 30. Jacobo Álvarez (Redondela) completa o podio con 260".
A Copa Galicia de Ciclocross regresará este domingo día 6 de decembro en Boiro coa súa cuarta proba puntuable.
Por outro lado, comezou a Taça de Portugal, cos tres primeiros podiums para o Club Ciclista O Rosal, con Diego Santomé (2º), María Correa (3ª) e Zaida González (3ª).
¡Dende Noticias O Rosal, noraboa ao club da vila e a todos os seus integrantes. Que veñan moitos máis éxitos!
0 comentarios:
Publicar un comentario