A XIV Andaina “Val do Rosal. O Paraíso dende as alturas”
do programa deportivo-cultural “O Rosal. Coñece o teu concello” que estaba
prevista para o 26 de abril, aprázase por mal tempo, en principio, ata o
vindeiro sábado 10 de maio de 2014.
Nesta ocasión percorreranse os montes do Campo do Couto,
subindo ao punto máis alto e estratéxico da vila, onde se poderá disfrutar
dunha impresionante e marabillosa paisaxe cara ao Val do Rosal e á
desembocadura do río Miño.
Igualmente visitaranse algúns dos últimos petróglifos descubertos
–de época histórica-, en concreto un grupo de gravados cruciformes, moi preto
da “Fonte do Home”, no lugar das Cortes, que datan dos séculos IV-V despois de
Cristo.
A distancia total da andaina será duns 12 km
aproximadamente, de dificultade media e cunha duración aproximada de 3 horas.
Como de costume, a saída terá lugar ás 15:30 horas. O
punto de partida e de estacionamento dos vehículos será o Alto da Portela
(xuradía de Marzán).
A andaina está organizada polo Concello do Rosal e ao igual
que as anteriores, estará guiada por Juan Ramón Martínez Barbosa, que ofrecerá
as correspondentes explicacións históricas durante todo o percorrido e nos
desvelará algúns dos curiosos segredos e lendas destes fermosos enclaves.
Para apuntarse a este percorrido -inscrición gratuíta- e
para máis información, poden achegarse ata o Concello ou chamar ao 986 62 50
00, deixando nome e apelidos así como un teléfono de contacto.
0 comentarios:
Publicar un comentario