O Rosal ofreceu o xoves 25 de abril ás 16:45 h., na igrexa parroquial de Santa Mariña, o seu último adeus ao Rvdo. D. Victorino Poutás Rodríguez, que faleceu o mércores 24 de abril, aos 86 anos. A esa hora celebrouse o funeral de corpo presente e posteriormente procedeuse á súa inhumación no cemiterio.
Dende Noticias O Rosal lembramos -segundo datos do recoñecido historiador local Xoán Martínez Tamuxe- que D. Victorino foi abade desta freguesía dende o 8 de setembro de 1957, na que foi nomeado Cura Ecónomo, substituíndo ao Rvdo. D. Juan Pérez Martínez.
Destacamos que D. Victorino Poutás naceu en San Adrián de Vieite, concello de Leiro (Ourense) o 13 de setembro de 1926. Cursou estudos eclesiásticos no Seminario Conciliar de Tui, licenciándose en Sagrada Teoloxía pola Universidade de Salamanca, onde tamén fixo o curso de Doutor. Ordenouse sacerdote en Vigo o 25 de xuño de 1950.
D. Victorino foi profesor no Colexio PP. Somascos e no Instituto da Sangriña, ambos da vila da Guarda. En 2001 foi nomeado Cóengo da Santa Igrexa Catedral de Tui-Vigo.
Con el fixéronse obras na igrexa, no adro e na reitoral do Rosal. As últimas, costeadas pola súa conta, foron a limpeza dos artísticos altar maior (retablo barroco) e a restauración dos frescos do coro.
O día 1 de novembro de 2006, o bispo D. José Reboredo nomeou en substitución de D. Victorino, como párroco de Santa Mariña ao abade actual, D. Julio Ramos Rodríguez.
Dende Noticias O Rosal, o noso máis sentido pésame. Descanse en paz, D. Victorino.
0 comentarios:
Publicar un comentario