O venres 10 de febreiro tivo lugar no Centro Social Polivalente do Rosal a presentación da Liga Nacional de Futbolín no Baixo Miño que organizará a Asociación Os Cabaqueiros a partir deste ano 2012 en colaboración con Presas e Recreativos Jopeco.
Abriu este acto o alcalde do Rosal, Jesús Mª Fernández Portela, quen deu a benvida aos asistentes e foi presentando un por un aos convidados ao evento, facendo fincapé na presenza de Alfonso Méndez Sánchez, propietario de Recreativos Jopeco e delegado de Presas na comarca baixomiñota, de José Luis Busto, máximo responsable da organización deste tipo de eventos a nivel nacional e coordinador da web mundofutbolín.com, ademais de saudar a Simón González, trece veces Campión do Mundo de Full-Contact.
Destacou igualmente o Alcalde a asistencia de tres mestres telleiros (Trintiña, Piedra e Juanciño) ademais de contar no acto co historiador local e coordinador da Festa do Cabaqueiro, Xoán Martínez Tamuxe.
Fernández Portela e o seu concelleiro de Deportes, Pablo Flores Díaz confirmaron que, aparte da Liga Nacional que a Asociación organizará no Baixo Miño, O Rosal será a sede do I Campionato Galego de Futbolín os días 10 e 11 de marzo de 2012.
O presidente da Asociación Os Cabaqueiros, Juan Ramón Martínez Barbosa, tomou a palabra, agradecendo a colaboración que ven ofrecendo o Concello do Rosal dende 2009 para a celebración de eventos relacionados co futbolín, tales como o propio Campionato Os Cabaqueiros, o Mixto Festas do Pilar ou mesmo o Feminino Noticias O Rosal.
Procedeuse pois á entrega dos diplomas conmemorativos tanto do I Open do Rosal celebrado en xaneiro no Bar Troya (a cargo de Zaira Solla Rodríguez) como do II no Bar Floro (por Alfonso Méndez Sánchez).
Os colaboradores (empresas e particulares) que teñen colaborado durante o ano 2011 coa Asociación tamén foron homenaxeados.
Afirmou Juan Ramón que a proposta final da Asociación -co visto bo e a supervisión de Recreativos Jopeco e Presas, na persoa de José Luis Busto- é a de crear dúas categorías (1ª e 2ª División) así como unha Liga Feminina Nacional no Baixo Miño que remataría en maio, estando todos os equipos participantes federados.
A inscrición na Liga Nacional será de tan só 7,5 € por persoa (15 € a parella) dende a creación e comezo en febreiro ata o seu remate nese mes de maio.
Na actualidade hai 13 equipos en 1ª División, abríndose agora o prazo para a 2ª e a Liga Feminina.
Tanto Alfonso Méndez como José Luis Busto contestaron a todas as preguntas e dúbidas dos xogadores/as presentes, pechando as intervencións Simón González, quen declarou, para sorpresa de todos, que están moi avanzadas as negociacións para celebrar tamén no Rosal e aproveitando o envento “futbolineiro”, o sábado día 10, o I Campionato Galego de Kickboxing.
A Asociación Os Cabaqueiros, ao final do acto agasallou aos asistentes cuns pinchiños e un viño galego.
0 comentarios:
Publicar un comentario