Con motivo do Día Internacional da Muller Traballadora que se conmemora o 8 de marzo, un día antes, o domingo 7, ás 19 horas terá lugar no Auditorio Municipal do Rosal a lectura dun manifesto por Mª Jesús Videira, traballadora do Concello, así como unha exhibición de baile moderno a cargo do grupo Xamaraina, baixo a dirección de Elena Baz. Este será o primeiro dos actos que organizan conxuntamente a concellaría de Cultura que preside Charo Tabales Perozo e a concellaría de Muller que dirixe Mª Carmen Alonso para celebrar esta efeméride, xa que “queremos lembrar especialmente ás mulleres do noso concello que durante moitos anos foron o motor de moitos fogares nos que estiveron soas educando aos seus fillos e mantendo as súas casas”. Así mesmo afirman que “hai que recoñecerlles tamén ese traballo de quedar ao cargo de todas as tarefas dunha familia, dado que os homes tiveron que emigrar a outros países, ir ao mar ou máis antigamente traballar nas cabaqueiras”. As concellarías de Cultura e de Muller únense nesta ocasión para loitar “na busca da igualdade entre homes e mulleres, para que –sen caer no feminismo- sexa real e efectiva”.
0 comentarios:
Publicar un comentario