Cando falta menos dun mes para a XXII Festa do Cabaqueiro (12 de outubro) comezamos este repaso polas memorias-publicacións que se teñen editado como lembranza e homenaxe aos cabaqueiros (telleiros), considerados por moitos, herdeiros dos ceramistas romanos que ocuparon os castros da bisbarra. Todo comezou en 1987 coa erección do monumento ao cabaqueiro, obra do escultor tomiñés Xosé Antúnez Pousa co fin de recoñecer e recuperar a memoria deste tradicional oficio. Ano tras ano os cabaqueiros -que contan con xerga propia- fan demostración en directo desta arte de facer "cabacas e toupos a joucha" (tellas e ladrillos a man) na Praza do Calvario. Pois ben, na primeira memoria, que estaba escrita en castelán (ata 1998 non se editaron en galego) explícanse os motivos e razóns para a creación desta publicación: crear documentación, ser un tema histórico-antropolóxico da vida galega e lembrar que O Rosal estaba obrigado a coñecer o tema, a ter noticias escritas e orais máis que ningún outro pobo "ya que O Rosal, con la parroquia de Salcidos (A Guarda), está obligado a difundir, conservar, defender y transmitir a nuestros descendientes en generaciones venideras esta sigular manifestación histórico-cultural... ya que esta zona es la cuna y cátedra de esta realidad antropológica, etnográfica, etc". Realízase unha semblanza biográfica de Pousa, móstrase o proceso da creación do monumento ao cabaqueiro, con multitude de imaxes aínda no taller do artista... Afírmase que existiron rumores de atentado contra esta obra escultórica, avisándose á Garda Civil..., veciños custodiándoa... aínda que finalmente inaugurouse. Lembranza para Domingo Álvarez..., a primeira fotografía "da amizade" cos cabaqueiros ou os primeiros datos sobre o "verbo dos daordes" e os doantes de material para o Museo Municipal.
0 comentarios:
Publicar un comentario