FAI CLIC E DESCUBRE O NOVO DESEÑO DA WEB CULTURAL NOTICIASOROSAL.ES

Noticias O Rosal estreou o 7 de marzo novo deseño e contidos. Este blog manterase na rede, de momento, ata novo aviso, como complemento á páxina web

A VILA DO ROSAL DESPIDE CON EMOCIÓN A JOSÉ MARTÍNEZ GONZÁLEZ "PEPIÑO BERDEAL"

O ex-funcionario do Concello do Rosal e presidente da Asociación de Comerciantes da vila, era un dos veciños máis apreciados dos últimos tempos

VITORIA DE GABRIEL MARCELLI EN LLEIDA NO CAMPIONATO DE ESPAÑA DE TRIAL

O piloto rosaleiro vence na categoría júnior na proba valedeira para o “Spa RFME Campeonato de España de Trial Individual 2015”

ACTO DE CLAUSURA DO CURSO DE MONITOR DE FÚTBOL BASE CELEBRADO EN O ROSAL

A Casa Consistorial acolleu a entrega de diplomas e clausura do Curso coa presenza dos coordinadores José Luis Mosquera e Manuel Mosquera.

MÁXIMA EXPECTACIÓN ANTE A CHEGADA DA SEXTA EDICIÓN DA CARPA CARNAVAL DE FORNELOS

Entre outros, actuarán dende o venres 13 ata o martes 17 de febreiro, nestas Festas de Entroido: Traffic House, Dj Carlie, Diego Mei, Vallejo, Micy Dj, etc

A PRAZA DO CALVARIO ACOLLEU A VISITA E RECEPCIÓN DOS REIS MAGOS DE ORIENTE

As Súas Maxestades estiveron durante horas na vila do Rosal repartindo multitude de agasallos a pequenos e maiores, entre eles, libros e lambetadas

A ROMARÍA DE SAN MARTIÑO 2014 EN O ROSAL CELEBROUSE O DOMINGO 30 DE NOVEMBRO

A saída do Santo en procesión dende a igrexa parroquial de Santa Mariña, na Praza do Calvario, ata a súa ermida, foi ás 10:30 horas.

O PILOTO ROSALEIRO GABRIEL MARCELLI PROCLÁMASE TRICAMPIÓN DE ESPAÑA DE TRIAL

Gabriel Marcelli Carballido adxudícase o título tras vencer en Cabanillas de la Sierra (Madrid). Tamén consegue ser Campión Galego por quinta vez.

PRESENTACIÓN DA SEGUNDA EDICIÓN DO EVENTO DEPORTIVO “15K DEL ATLÁNTICO”

A carreira e a andaina 15k del Atlántico celébranse este domingo 5 de outubro percorrendo os concellos de Oia, O Rosal e A Guarda

O ESPECIALISTA DEFENSIVO ARKAITZ VARGAS FICHA POLO ACANOR ATLÉTICO NOVÁS

Na imaxe da presentación, Manolo “Campelo”, Moncho Vicente, Andrés Senra, Daniel Martínez, Arkaitz Vargas, Roberto Fernández e Modesto Augusto

ÉXITO TOTAL DA I EDICIÓN DA ANDAINA E CARREIRA “10K O ROSAL. FEIRA DO VIÑO”

Na imaxe, os gañadores absolutos da carreira 10k O Rosal Feira do Viño. No máis alto do pódium, Nuno Costa e Paula Mayobre. Más info neste enlace.

OS COORDINADORES DO 10K O ROSAL, ENTREVISTADOS NA RADIO MUNICIPAL DE TUI

Os rosaleiros Juan Ramón Martínez Barbosa, Óscar Vicente Rodríguez e Serafín Martínez Acevedo falaron da andaina e da carreira nos estudos da RMT

REPORTAXE FOTOGRÁFICA DA XIV ANDAINA “VAL DO ROSAL. O PARAÍSO DENDE AS ALTURAS”

Na imaxe, os participantes desta andaina, que visitaron o punto máis alto da vila, nos montes do Campo do Couto e os petroglifos próximos á Fonte do Home.

NOVA VITORIA DE GABRIEL MARCELLI CARBALLIDO NO CAMPIONATO DE ESPAÑA DE TRIAL

O piloto rosaleiro, imparable, é o favorito para facerse -por terceira vez- co Campionato de España de Trial. As próximas citas, Vila de Cruces e Andorra.

O ROSAL E O ATLÉTICO NOVÁS QUEREN FACER HISTORIA, por Juan Ramón Martínez Barbosa

Artigo do director de Noticias O Rosal, onde fala da Fase de Ascenso á División de Honor Prata do balonmán nacional que se celebra os días 2, 3 e 4 de maio

DEPORTISTAS E CLUBS, HOMENAXEADOS NO II RECOÑECEMENTO AO MÉRITO DEPORTIVO

O pasado sábado 12 de abril o Auditorio Municipal acolleu os premios aos mellores deportistas e clubs da vila. Na imaxe, autoridades e homenaxeados.

REPORTAXE FOTOGRÁFICA DA XIII ANDAINA O ROSAL. COÑECE O TEU CONCELLO

A vindeira andaina deportivo-cultural pola vila do Rosal celebrarase o vindeiro sábado 10 de maio, con saída dende o Alto da Portela (Marzán)

O 12 DE ABRIL CELÉBRASE O II ACTO DE RECOÑECEMENTO AO MÉRITO DEPORTIVO DO ROSAL

Na imaxe de 2011, na I edición, Gerardo Álvarez (ciclismo), Manolo Armán (balonmán) e Félix Piñel (atletismo) reciben os premios “Mención de Honra”.

ACTUACIÓN DO GRUPO ADREDDE NA FESTA DE ENTROIDO 2014 DE FORNELOS (O ROSAL)

O sábado 1 de marzo achegámonos ata Fornelos para ver en directo a animada actuación do Grupo Adredde e comprobar o ambientazo de Entroido

O LIBRO “MOLINOS” PRESÉNTASE EN PONTEVEDRA CON MENCIÓN ESPECIAL PARA O ROSAL

A nosa vila estivo representada polo alcalde, Jesús Mª Fernández Portela, así como por Tamuxe e Juan Ramón, autores do libro da historia dos Muíños do Folón-Picón

O ENTROIDO DE FORNELOS 2014, SERÁ, SEN DÚBIDA, DOS MÁIS ESPECTACULARES DA HISTORIA

Impresionante programa de Festas, con orquestras e grupos musicais, actuacións para nenos, Corrida do Galo, Frixidelas e como non, a 5ª edición da CARPA.

O ROSAL HOMENAXEA AO CICLISTA RAÚL FERNÁNDEZ, CAMPIÓN DE GALICIA E DE ESPAÑA

Na imaxe, Raúl Fernández na compaña dos seus compañeiros e directivos do Club Ciclista O Rosal, na recepción ofrecida no Concello.

RAÚL FERNÁNDEZ PROCLÁMASE EN CASTELLÓN CAMPIÓN DE ESPAÑA DE CICLOCROSS

Na imaxe, Raúl, flanqueado á esquerda polo exciclista profesional Serafín Martínez Acevedo e á dereita polo triatleta internacional, Óscar Vicente Rodríguez.

PROXIMAMENTE ANUNCIARASE A DATA DA II RUTA GUIADA ORGANIZADA POR NOTICIAS O ROSAL

A I Ruta Guiada Noticias O Rosal levou aos participantes a coñecer todos os segredos da ruta e historia dos emblemáticos Muíños do Folón e do Picón.

OS REIS MAGOS REPARTEN AGASALLOS A CENTOS DE NENOS/AS EN O ROSAL

Reportaxe fotográfica (máis de 300 imaxes) da visita e recepción na vila do Rosal de Melchor, Gaspar e Baltasar.

NOVO CONXUNTO DE GRAVADOS CRUCIFORMES NO LUGAR DAS CORTES

O historiador rosaleiro Xoán Martínez Tamuxe fala no seu blog deste achádego, recreación da cruz cristiá (séculos IV-V d. C.)

SERGIO RODRÍGUEZ, NETO DO CABAQUEIRO MANUEL "TRINTIÑA", INAUGURA “O BAR DO TRINTA"

Na imaxe, Serafín Martínez Acevedo (exciclista profesional e emprendedor deportivo), con Sergio (xerente do Bodegón-Tapería Os Seixiños. O Bar do Trinta).

TABAGÓN EN FESTAS (DÍAS 29, 30 E 31)

EN PROBAS

EN PROBAS

16 feb 2016

Roberto Rodríguez "Harris", é o novo "Pichichi" do Acanor Atlético Novás



Roberto Rodríguez Vicente "Harris" é o novo máximo goleador do Acanor Atlético Novás de balonmán con 84 tantos, tras dezanove xornadas disputadas.

O lateral dereito de O Rosal sácalle unha vantaxe de 7 goles ao seu compañeiro Alex Tsybanev (2º) e 10 a Miguel Sío (3º con 74 goles)

Segundo se pode ver nas redes sociais do Novás, estes son os máximos goleadores do equipo:

"PICHICHI" DO ACANOR ATLÉTICO NOVÁS

1. Roberto 'Harris' - 84g.
2. Alex Tsybanev - 77g.
3. Miguel Sío - 74g.
4. Iago Flores - 64g.
5. Manu Martínez - 47g.
6. David Lechuga - 40g.
7. Miguel Trigo - 38g.
8. Víctor Armán - 31g.
9. Sergey Tsybanev e César Armán - 24g.
10. Jorge Pousa e Dani Pintus - 18g.
11. Carlos Rodríguez - 14g.
12. Isma Rodríguez - 12g.
13. Noé Treinta e Jorge Teixeira - 4g.
14. Gabri Lomba - 3g.

15 feb 2016

Dous ciclistas rosaleiros preséntanse co equipo G.D. Supermercados Froiz

Imaxe do selfie dos corredores do Froiz, captada polo obxectivo de Mónica Patxot

Os ciclistas rosaleiros Álex Lomba Rodríguez e Raúl Fernández Lorenzo veñen de presentarse o pasado venres 12 de febreiro co seu equipo, o Grupo Deportivo Supermercados Froiz, nun acto celebrado na Deputación de Pontevedra.

Entre os asistentes, segundo Pontevedraviva.com, estaba o "patrón" do equipo, Magín Froiz, a presidente provincial Carmela Silva, a deputada de Deportes, Chelo Besada ou mesmo o ex director do Xacobeo Galicia, Álvaro Pino.

Foto de equipo, con Álex (3º de pé, abaixo) e Raúl (arriba, 1º pola dereita). Imaxe: M. P.

Segundo o artigo de Diego Espiño e Mónica Patxot, esta tempada que está a piques de comezar "é a número 28 do equipo pontevedrés, sendo o segundo equipo nacional máis lonxevo, profesionais incluído, só superado polo Baqué vasco".

Máis info, aquí

10 feb 2016

A U.D. Ribera sénior vence na Mata ao líder Mos con gol de Nico Ortega

Nico Ortega. (Foto: U.D. Ribera)

Os afeccionados que asistiron esta pasada fin de semana ao Estadio Municipal da Mata disfrutaron da importante vitoria da U.D. Ribera fronte ao líder da categoría, o Mos


O veterano xogador rosaleiro Nico Ortega conseguiu perforar a meta mosense e anotou o gol do triunfo, que coloca ao club da vila en 5ª posición da táboa da Segunda Autonómica (Grupo XIII).



Destacar, entre outros resultados, que o equipo feminino venceu tamén na Mata, 2-0 ao Olivo Vigo, con goles de Laura Dacuña e Marce.

Acanor Atlético Novás e Conrazones: balonmán e solidariedade en O Rosal


O Acanor Atlético Novás xoga este sábado 13 de febreiro (18:00 horas) no pavillón municipal do Rosal, fronte ao penúltimo clasificado, o Balonmán Artabro, en partido correspondente á xornada 19.

Tal e como se pode ler nas redes sociais do club da vila que preside Andrés Senra "tras dúas semanas consecutivas con desprazamentos e as súas respectivas vitorias regresa o balonmán de Primeira Nacional a O Rosal, xusto antes de meterse de cheo no tramo máis complicado da competición (Calvo Xiria, Balonmán Luceros e Construcciones Castro Chapela)".


O Acanor volve a amosar a súa cara máis solidaria abrindo as portas á asociación sen ánimo de lucro Conrazones, que colabora coas familias máis necesitadas do Baixo Miño. Entregando o teu kilo de alimentos estarás colaborando cunha boa causa e ademais recibirás unha entrada.

Verónica Pérez, judoka de O Rosal de 12 anos, Campiona da Copa de España


Tal e como informa a Noticias O Rosal a súa adestradora, Mónica Pacheco Lomba, a xovencísima judoka rosaleira Verónica Pérez vén de conseguir a súa segunda medalla de ouro na Copa de España "A" infantil que se celebrou este pasado sábado 6 de febreiro en Santiago de Compostela.

Verónica -que gañou na final á madrileña María Moreno de la Llave- e aínda en primeiro ano infantil, lidera xa o ranking nacional na categoría de menos de 40 kg. Este é, sen dúbida, un novo éxito na curta carreira deportiva da rosaleira tras vencer en novembro na Supercopa de España, que tivo lugar en Avilés.

Verónica no máis alto do podium. (Foto: Federación Galega de Judo)

A judoka de O Rosal, tras estas dúas medallas de ouro, consegue o pase directo para participar no Campionato de España que se celebrará o vindeiro mes de maio.

¡Dende Noticias O Rosal, a nosa noraboa tanto a Verónica como a Mónica e moita sorte para as futuras competicións!

2 feb 2016

O Concello do Rosal contratará a 16 desempregados/as a xornada completa


Informa: Concello do Rosal

PLAN PROVINCIAL DE OBRAS E SERVIZOS – LIÑA 4 (DEPUTACIÓN)

O Plan Provincial de Obras e Servizos da Deputación de Pontevedra para o ano 2016, na súa liña destinada ó emprego, financiará a contratación de 16 desempregados/as para o concello do Rosal, a xornada completa, e por distintos períodos que van dende os catro ós nove meses.

Mentres que a Deputación financiará os gastos salariais e de seguridade social, o Concello farase cargo dos gastos referidos ás liquidacións por fin de contrato, á formación en prevención de riscos laborais, á roupa de traballo e aos equipos de protección individual necesarios, así como á vixiancia da saúde dos traballadores/as.

Os/as traballadores/as que sexan contratados/as para realizar as obras ou prestar os servizos polos que se outorgue a subvención deberán ser persoas desempregadas, non perceptoras de prestacións ou perceptoras de prestacións sociais destinadas a garantir os recursos económicos mínimos de subsistencia (RISGA, RAI, PREPARA e outros similares), inscritas na Oficina de Emprego de Tui.

As ocupacións que o concello solicitará á Oficina de Emprego son as que seguen: OFICIAIS 2ª ALBANEIS (7 postos: 4 durante oito meses e 3 durante 4 meses); MOZOS DE RECOLLIDA DE LIXO (5 postos: 2 durante nove meses, 2 durante oito meses e 1 durante catro meses); CONDUCTORES DE CAMIÓN, EN XERAL (2 postos durante seis meses); ORDENANZA (1 posto durante oito meses); ASISTENTE DOMICILIARIO (1 posto durante oito meses)

A maiores, dentro do Plan de Práctica Laboral da Deputación tamén se convocaron dúas bolsas para o Concello do Rosal, en concreto, unha para un titulado no Ciclo Superior de Administración e Finanzas e outra para un graduado en Arquitectura. 

O Rosal coloca o primeiro columpio para nenos/as discapacitados do BM


Informa: Concello do Rosal

O Concello do Rosal coloca o primeiro columpio para nenos e nenas discapacitados no Baixo Miño. Situado no parque de Pías, con esta medida -afírmase- "pretendemos contribuír á eliminación de barreiras que impiden disfrutar dos lugares de lecer a todos e todas. Seguiremos traballando para mellorar estes espazos".

29 ene 2016

O rosaleiro Marcos Dorado afronta novos retos co Balonmano Torrelavega

Fotos: Guillermo Alonso // BM Torrelavega

O pivote de O Rosal, Marcos Dorado (ex do Novás e do Teucro), afronta co seu novo equipo BM Torrelavega (Primeira Nacional) o "tramo máis duro da costa de xaneiro cunha dobre xornada a domicilio".

Segundo se pode ler na web do conxunto cántabro, xogará dous partidos en dous días, este sábado 30 e o domingo 31 de xaneiro: "Además de enfrentarse al Vinosvetusta.com Villa de Aranda, la escuadra naranja recuperará la fecha perdida ante el BM Carabanchel. Dos encuentros consecutivos que medirán a los de Soto contra el equipo más goleado de la liga y con el que mejor guarda su portería".

¡Dende Noticias O Rosal, moita sorte, Marcos!

28 ene 2016

As Festas de Tabagón inícianse este venres 29 coa Subida do Artístico Arco



Esta fin de semana (29, 30 e 31 de xaneiro) celébranse en San Xoán de Tabagón as Festas na honra da Saúde e San Brais.

Venres 29 de xaneiro

Ás 13:00 horas, gran tirada de fogos. A partir das 15:00 horas, o grupo Os Terribles de Tomiño percorrerá o pobo e amenizará ás 18:00 horas a Subida do Artístico Arco*.

Xa ás 20:00 horas, animado ambiente coa actuación do Grupo Adredde.


Pequeno vídeo extraído do programa de TVE "Desde Galicia para el mundo" (1996)

Sábado 30 de xaneiro

Ás 11:00 horas, pasarrúas do grupo Virxe do Alivio
Ás 12:00 horas, misa solemne na honra de San Brais, con sermón e procesión.
A partir das 18:00 horas, presentación das orquestras Jerusalén, Atenas e T.BM.

Domingo 31 de xaneiro

Ás 11:00 horas, novo pasarrúas do grupo Virxe do Alivio. 
Ás 12:00 horas, misa solemne na honra da Virxe da Saúde, con sermón e procesión.
A partir das 18:00 horas, chocolate gratis para todos e inchables para os nenos/as.

*O Artístico Arco de Tabagón, tamén chamado "maio", quizais en lembranza da diosa "Maya" coincidindo coa chegada da primavera. Na actualidade e dende principios do século XIX levántase para conmemorar as festas relixiosas na honra da Nosa Señora da Saúde e San Brais. Nas últimas décadas vén sendo autor do seu deseño o colaborador e debuxante tabagonés Ángel Pérez, que cada ano é o encargado de que o artístico arco sexa diferente e novidoso. Moitos destes "maios" aluden a un acontecemento ou conmemoración de carácter universal. Este tipo de arco-maio é algo único non só no Baixo Miño senón aínda en toda a provincia de Pontevedra.

27 ene 2016

O equipo de Manolo Armán enfróntase en O Rosal ao filial da S.D. Teucro


Segundo se pode ler nas redes sociais, equipo de Primeira Autonómica do Acanor Atlético Novás "afronta un choque importante este sábado 30 de xaneiro (O Rosal, 16:30 h), no que reciben ao líder, o filial da S.D. Teucro".

O equipo que dirixe Manolo Armán (de pé, á dereita da imaxe) "atópase en plena escalada, e coa do sábado pasado son catro vitorias consecutivas en liga que o sitúan na sexta posición ao remate da primeira volta".

Recalcan dende o club da vila que "a cita deste sábado servirá para comprobar o nivel do equipo e se é posible aspirar a cotas maiores, por iso dende a directiva facemos un chamamento a afección para que apoien ao noso filial".

Lucía Ameal, porteira da U.D. Ribera, convocada coa Selección Galega Sub-12

Lucía Ameal. Foto: U.D. Ribera

Segundo podemos ler na web da U.D. Ribera de O Rosal, a gardameta Lucía Ameal Pereira vén de ser convocada coa Selección Galega de fútbol para preparar o Campionato Nacional de Seleccións Autonómicas Sub-12, que terá lugar en Andalucía do 22 ao 24 de abril deste ano 2016.

¡Dende Noticias O Rosal, a nosa noraboa!

A Jalleira Afea promove no Baixo Miño unha moción en apoio do SPDCIF


Informa: A Jalleira Afea

Moción a favor do SPDCIF (Servizo Público de Prevención e Defensa Contra Incendios Forestais).

A asociación A Jalleira promove na comarca do Baixo Miño unha moción en apoio do servizo público de incendios forestais, a raíz da iniciativa impulsada pola asociación de profesionais do SPDCIF (APROPIGA), que xa ten aprobado a moción noutros concellos de Galicia e Deputación de Pontevedra.

A Jalleira presenta nos concellos da comarca esta moción, mostrando así, o seu apoio ós compañeiros que desempeñan unha labor tan pouco valorada social e institucionalmente.

Entre as reivindicacións cabe destacar a creación da categoría profesional de Bombeiro Forestal e a aposta por un servizo único e público de prevención e extinción de incendios.

Esta moción presentouse nos concellos do Baixo Miño, e nesta semana levarase a pleno o xoves 28 en Oia e Tui, venres 29 na Guarda e o sábado 30 no Rosal. Invitamos a todo aquel interesado a asistir ós plenos en cada concello para mostrar o seu apoio a esta moción.

A Jalleira, por e para o monte.

Velaquí vos deixamos a moción íntegra:


SOLICITUDE DE APOIO ÓS TRABALLADORES DO SPDCIF

Os traballadores do SPDCIF (Servizo Público de Prevención e Defensa Contra Incendios Forestais), pertencente á Consellería do Medio Rural e do Mar, vémonos na obriga de denunciar a situación na que se atopa o Servizo Público do que formamos parte e por cuxa defensa nos expresamos co fin de que se coñeza cal é situación na que nos atopamos e solicitar, á súa vez,  o apoio da sociedade galega no seu conxunto e, así mesmo, o das institucións e organizacións representativas da mesma. 

O Spdcif foi sempre un modelo de referencia en toda España, tanto pola súa efectividade como polo seu carácter de servizo cen por cen público ó servizo da cidadanía na protección do medio natural de Galicia. Fronte a esta realidade, atopámonos na actualidade cun modelo de prevención e extinción e incendios fragmentado a través dun complexo entramado de organismos, empresas e institucións, que está prexudicando gravemente a eficiencia do que sempre foi un servizo público de contrastada eficacia.

O desmantelamento paulatino do Spdcif con estas políticas de disgregación progresiva dunha parte do dispositivo e a privatización doutra, está a comprometer o traballo dos profesionais na defensa do medio natural en Galicia ó non recoñecer a nosa labor profesional como bombeiros forestais, ó precarizar ás condicións nas que traballamos ou ó negarnos a estabilidade laboral. Así mesmo, consideramos que, non só se está a desprezar o noso traballo por  non ser considerados un corpo de emerxencias senón que, ademais,  estase a desaproveitar o verdadeiro potencial do Spdcif e os seus profesionais no eido das emerxencias no rural.
Diante desta situación de emerxencia, ós profesionais, decidimos solicitar o apoio da sociedade galega dende a firme convicción da nosa defensa do Spdcif como servizo público ó servizo da cidadanía xa que consideramos que, agora mesmo, atópase en verdadeiro perigo de extinción. Dende estas premisas, os traballadores do Spdcif SOLICITAMOS O SEU APOIO nas nosas reivindicacións e que son as seguintes: 

- RECOÑECEMENTO DA CATEGORÍA DE BOMBEIRO FORESTAL
Este recoñecemento  supón darlle valor á labor que desenvolvemos na defensa dos nosos montes, do medio natural e da cidadanía facendo visible ó noso traballo; que se nos valore social e institucionalmente;  que se nos forme dacordo coas necesidades específicas do noso traballo como corpo de emerxencias; que se establezan medidas adecuadas e eficaces no eido da prevención de riscos; así como o recoñecemento da natureza penosa, perigosa, tóxica e insalubre o noso traballo diante da Seguridade Social.

- DEFENSA DO SPDCIF COMO SERVIZO ÚNICO DE PREVENCIÓN E EXTINCIÓN DE INCENDIOS
É necesario voltar a un servizo público, único e profesionalizado de prevención e extinción de incendios forestais como mellor garante de que se está a prestar o mellor servizo e rematar, dunha vez, coa fragmentación e a privatización que nunca deberon iniciarse xa que só se basean en intereses que non benefician ó noso medio natural. Un Servizo Público, a cuxos profesionais, lles sexa recoñecida a labor que xa desenvolven nas emerxencias en Galicia, como tal corpo, o que redundará no adecuado desenvolvemento das potencialidades no eido das emerxencias do rural que, na actualidade, non temos.

- CONVOCATORIA DUNHA OFERTA PÚBLICA DE EMPREGO E COBERTURA DE VACANTES
É necesaria a cobertura de todas as vacantes que actualmente hai no Spdcif rematando, así, coa progresiva amortización de prazas co único fin de ir desmantelando pouco a pouco este servizo público. Igualmente, é necesario que haxa unha inmediata convocatoria da Oferta Pública de Emprego para todo o Spdcif que remate coa precariedade e incerteza na que se atopan un elevado número de profesionais interinos do Spdcif. 

- ESTABILIDADE LABORAL E PROFESIONAL
No camiño da profesionalización do Spdcif é necesario garantir a estabilidade laboral dos seus traballadores. É necesario solucionar a problemática dos fixos descotinuos de 9 meses para darlles continuidade ata os 12 meses e poder realizar eficazmente as labores de prevención que ten asignadas este Servizo. É necesario ampliar o tempo de contratación dos traballadores de 3 meses para establecer o equilibrio entre estabilidade laboral, profesionalización e necesidades específicas de persoal. É necesario abordar a modificación do Decreto de Listas que regula a cobertura de prazas con carácter transitorio e a contratación temporal de persoal laboral do Spdcif para atender ás peculiaridades e necesidades específicas deste servizo garantindo unha mellor xestión e fluidez delas e atendendo especificamente a problemática dos traballadores por elas regulados.

POR TODO O ANTERIORMENTE EXPOSTO, SOLICITAMOS O SEU APOIO A ESTAS PETICIÓNS QUE CONSIDERAMOS XUSTAS.

Alex Tsybanev, máximo goleador do Acanor Atlético Novás con 72 goles

Alex, a punto de materializar un lanzamento de "sete metros". Foto: J.R.


Alex Tsybanev é o máximo goleador do Acanor Atlético Novás de balonmán con 72 goles, tras dezaseis xornadas disputadas da liga de Primeira Nacional.

Velaquí deixamos a táboa de goleadores do club do Rosal:

1. Alex Tsybanev - 72g
2. Roberto 'Harris' - 66g
3. Miguel Sío - 63g
4. Iago Flores - 52g
5. Manu Martínez - 38g
6. Miguel Trigo - 37g
7. David Lechuga - 36g
8. Víctor Armán - 24g
9. César Armán - 22g
10. Carlos Rodríguez, Dani Pintus, Sergey Tsybanev e Jorge Pousa - 13g
11. Isma Rodríguez - 9g.
12. Noé Treinta - 4g.
13. Gabri Lomba - 3g.

Por outra banda, estes foron os resultados das diferentes categorías do Acanor Atlético Novás nesta pasada fin de semana.



Os cadetes e xuvenís do Acanor Novás rematan a Liga Regular na 5ª praza


Información e imaxes: Acanor Atlético Novás

As categorías cadete e xuvenil remataron a fin de semana pasada a liga regular. Ambos equipos, que dirixen Víctor Armán e Nikolai Tsybanev respectivamente, finalizaron a competición doméstica ocupando a quinta praza, o que os deixou fóra da loita polo ascenso.

Nos próximos días sortearase o calendario da Copa Federación Galega, na que participan os 16 equipos non clasificados para o ascenso. Esta liguilla comezará a fin de semana do 7 de febreiro. 

Incentivo económico por diminuir e previr a sinistralidade laboral no Rosal



O Concello do Rosal acaba de recibir un incentivo económico por importe de 1.612,29 €, con cargo ao Fondo de Continxencias Profesionais da Seguridade Social.

Tal aportación se fai ao amparo do Real Decreto 404/2010, de 31 de marzo, polo que se regula o establecemento dun sistema de redución das cotizacións por continxencias profesionais ás empresas que teñan contribuído especialmente á diminución e prevención da sinistralidade laboral.

O incentivo irá destinado a continuar nesa liña de mellora da seguridade e saúde dos traballadores do concello, implementando novos medios materiais de prevención e continuando coa concienciación dos empleados públicos neste ámbito.

26 ene 2016

Este sábado 30, Festival de bandas infantís e xuvenís no Auditorio do Rosal


Informa: Agrupación Musical do Rosal

A Agrupación Musical do Rosal comprácese en convidalos ao Festival de Bandas Infantís e Xuvenís que terá lugar no Auditorio do Rosal este sábado día 30 de xaneiro ás 19:00 h.

Éste será o primeiro acto dun ano que virá cargado de actividades xa que a Agrupación celebra neste 2016 o seu 30º aniversario.

Nesta ocasión ademais da "Minibanda" e da nosa Banda Infantil, que serán as anfitrionas, participarán os nosos veciños da Banda-Escola da Unión Musical de Mougás e o Grupo Jovem da Banda Bingre Canalense de Estarreja (Portugal), que nos devolve a actuación que O Rosal fixo en dita localidade portuguesa.