TABAGÓN EN FESTAS (DÍAS 29, 30 E 31)

EN PROBAS

EN PROBAS

17 sept 2014

O Novás comeza a tempada 2014/15 coa defensa do seu título de campión




Informa: Acanor Atlético Novás 

Xa está todo preparado para que se abra o telón da tempada 2014/2015 na Primeira Nacional.

Un novo curso no que o Acanor Novás defenderá o título de campión e coa ilusión renovada para revalidalo. 

Non será doado para os homes de Modesto Augusto que durante estas 30 xornadas que comezan este sábado terán que lidiar con equipos moi reforzados coma o Cisne ou o Lalín, que combinan veteranía e xuventude, con outros habituais que volverán a acabar nos postos altos como o Calvo Xiria e Seis do Nadal... E unha serie de equipos como Luceros, SAR, que poden vencer a calquera. Como novidades están os ascendidos Cañiza e Poio.

E como non, o rival deste sábado, un Construcións Castro Chapela, que regresa a Primeira Nacional tras un ano na Prata. O seu adestrador, Fran Teixeira, unha das facianas  máis populares do balonmán galego e que afronta a súa sépima campaña ao timón do Chapela, non contempla outra posibilidade que ascender. Corpo técnico e directiva agardaron ata o último momento a invitación por parte da Federación para xogar a DHP, logo do cruel descenso no pasado curso. Tras non recibir esa chamada, esperan lograr o obxetivo na pista. Para iso confeccionou un plantel digno de categorías superiores, con reforzos da talla de Paco López (ex Valladolid, Naturhouse...) ou Coke Fontenla, unha das zurdas de ouro deste deporte e que chega procedente do Guadalajara. Todo isto unido aos Chema Cid, Iago Cuadrado... O que o converten nun dos rivais a batir.

Para este compromiso, o técnico do Morrazo terá a todos os seus efectivos dispoñibles. Entre eles unha das flamantes incorporacións, Manu Martínez, que reclama "Todo o apoio da afección. Se facemos comunión entre o público e o equipo os puntos quedarán no Rosal. Sería moi importante comezar con bo pé xa que ademais é contra un rival directo. Ao noso favor pode xogar que practicamente é o mesmo equipo, e eles teñen moitas incorporacións que aínda se teñen que adaptar". Para outro dos pesos pesados no vestiario, David Lechuga, o Chapela "Será un rival moi complicado. Este ano reforzouse moito e ben e teñen un plantel amplio e de calidade." Recalcou que as claves para vencer "Serán xogar ao 110% os 60 minutos. Se cada un o dá todo venceremos, xa que non temos grandes individualidades pero si un moi bo bloque". Sobre a pretempada móstrase moi satisfeito "Foi boa. Salvo nas semifinais de Copa co Cangas no que non entramos no partido en ningún momento, no resto de citas estivemos a un gran nivel".

Para Pablo Casal, lateral zurdo do Construcciones Castro "Será un partido moi complicado. Seguramente moi diferente ao que se xogou na Copa Galicia e que se decidirá por pequenos detalles. As defensas marcarán a diferencia" Sobre o seu equipo indica que "Todavía non estamos acoplados. Tivemos moitos cambios con respecto ao último ano, pero penso que temos unha plantilla amplia e con xogadores experimentados que en partidos como o do sábado poden ser fundamentais". Ao preguntarlle polo Novás señala que "é un equipo moi traballado, que apenas sufriu cambios e que costará moito arrancarlle algún punto nesta liga". O que si ten claro e espera é que o partido se converta nunha festa do balonmán, "Este xogo é un dos clásicos do balonmán, e seguro que as afeccións, xunto ca do Cangas, as mellores de Galicia, disfrutarán e nos farán disfrutar os que estamos na pista".

Será este sábado 20 de setembro (20:00 h) no Rosal, unha das datas marcadas por ambas afeccións, que fai unhas semanas tiveron a antesala do que nos agarda este fin de semana. 

0 comentarios:

Publicar un comentario