TABAGÓN EN FESTAS (DÍAS 29, 30 E 31)

EN PROBAS

EN PROBAS

4 sept 2012

O ROSAL XA CONTA CO SEU ESCUDO E BANDEIRA MUNICIPAIS LEGALIZADOS



O pasado venres 13 de xullo durante a inauguración da XX Feira do Viño do Rosal, presentábase o tríptico Novo Escudo Heráldico Municipal e a súa Bandeira, da autoría do recoñecido escritor e historiador local, Xoán Martínez Tamuxe. Tras recibir moitas preguntas relacionadas co tema, queremos dende Noticias O Rosal lembrar e explicar aquí o por que dese cambio. 

En primeiro lugar, a "Comisión de Heráldica da Xunta de Galicia obrigou a abandonar aqueles motivos relixiosos de tradición, tal como a Virxe do Pilar e a Cruz de Santiago. Conservouse tan só a Ponte do Tamuxe sobre ondas. No brasón incorpórase agora un cacho de uvas, entre dúas follas de viña. Na bordura óllanse catro rosas, que aluden ás catro parroquias do Concello, todas elas colleiteiras de viño e con notorias adegas".


Segundo afirma Tamuxe O Concello do Rosal considerou conveniente legalizar e organizar correctamente "o seu emblema municipal para perpetualo coa simboloxía adecuada e conforme ás normas de Heráldica".

O historiador rosaleiro sinala que a nosa vila constituíuse en 1847 en "municipio independen-
te ao desmembrarse do da Guarda", aparecendo un ano despois (1848) o primeiro emblema municipal, nun "cuño" no que estaba gravado unha mata de rosas e no que se podía ollar na súa bordura "Alcaldía y Ayuntamiento del Rosal". Así mesmo, Tamuxe lembra que o rei Alfonso XII concedeulle a O Rosal o título de Vila en 1879.

O brasón heráldico sofre a súa primeira modificación no 1898, enriquecéndose con outros motivos que aluden á historia e á tradición. No Libro de Actas dese ano óllase a Virxe do Pilar, antiga devoción con capela no lugar do Souto (Martín) dende o século XVIII; un arbusto, a planta de rosáceas con varias rosas, que fan referencia ao noso pobo: O Rosal. Tamén a Cruz de Santiago Apóstolo, devoción, así mesmo con capela, en Sandián, citada xa no século XIII. E finalmente, unha ponte (a do Tamuxe), cuxa obra data de 1845, e atopándose no lugar doutra moi anterior, posiblemente, romano-medieval. A súa contorna reza: "Ayuntamiento de la Muy Leal Villa de El Rosal".


Polo tanto, o actual e xa legalizado escudo rosaleiro, como dixemos, ten unha ponte e un cruceiro, que representan a ponte sobre o río Tamuxe na súa desembocadura ao Miño; a cor sinople simboliza o ambiente, os recursos agrícolas, gandeiros e forestais; o acio e as follas aluden á riqueza vitivinícola do municipio e as rosas fan referencia á simboloxía popular do propio nome do Rosal e, polo seu número, ás catro parroquias que conforman o termo municipal.


En canto á referencia máis antiga que se coñece sobre a bandeira municipal, temos que dicir que data de 1918. Trátase da "enseña nacional, figurando na parte central, unha franxa amarela e sobre ela outra franxa branca máis estreita, lembrando á galega. E enriba desta, o escudo municipal tradicional".

A bandeira legalizada pola Comisión de Heráldica da Xunta de Galicia foi aprobada e organizada deste xeito: pano dividido por tres franxas verticais de verde, branco e azul; a de branco, cunha rosa heráldica ao natural.


A cor verde simboliza o ambiente, os recursos agrícolas, gandeiros e forestais; as cores branca e azul, representan o río Tamuxe e a súa desembocadura ao Miño; e a rosa fai referencia á simboloxía popular do propio nome do Rosal".

Esta información é unha síntese da monografía histórica O Rosal: Brasón heráldico municipal e a súa bandeira. 1848 a 2012 da autoría do historiador Xoán Martínez Tamuxe e que se atopa en preparación.

0 comentarios:

Publicar un comentario