TABAGÓN EN FESTAS (DÍAS 29, 30 E 31)

EN PROBAS

EN PROBAS

16 nov 2010

Inauguración do novo Estadio Municipal



O sábado 13 de novembro tivo lugar baixo unha fina pero continua choiva a inauguración das obras efectuadas no novo e flamante Estadio Municipal da Mata.

Asistiron ao evento –entre outras autoridades- o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández Fernández; o presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán Abal; o secretario xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, José Ramón Lete Lasa; e o deputado provincial de Deportes, José Enrique Sotelo.

Igualmente acompañando ao alcalde Jesús Mª Fernández Portela, estivo presente a Corporación Municipal en pleno, así como presidentes e membros das distintas asociacións socioculturais da vila e da comarca do Baixo Miño.



Ata O Rosal achegáronse personalidades e representantes do mundo do deporte galego, como Isidoro Hornillos Baz, presidente da Federación Galega de Atletismo; o seu vicepresidente 1º, Eleuterio García Rodríguez ou o delegado en Vigo da Federación Galega de Fútbol, Enrique González Güenaga.

A esta inauguración asistiron tamén os deportistas rosaleiros David Gómez Martínez, atleta; Serafín Martínez Acevedo, ciclista; Óscar Vicente Rodríguez, triatleta e o xove nadador, Diego Fernández González. Así mesmo, destacar a presenza de Félix Piñel Alonso, incombustible mestre de Educación Física do CPI Manuel Suárez Marquier e impulsor dende fai moitos anos do atletismo na vila, que se encargou de organizar unha carreira previa ao comezo dos actos.

Antigos e actuais directivos da U.D. Ribera, comandados polo seu presidente José Manuel Álvarez Barredo, estiveron ben atentos a toda a cerimonia. Mención especial mereceron os centos de futbolistas que pasaron polo equipo rosaleiro, e entre eles, Fuentes e Villita, que chegaron a xogar na Segunda División nacional.

Bendiciu as instalacións o crego Isaac Penela Carbajales, quen pronunciou unhas solemnes palabras a modo de pequeno discurso para a ocasión.

A seguir, tiveron lugar as diferentes intervencións das autoridades, que alabaron as obras de mellora levadas a cabo na Mata, desexando unha longa vida ás instalacións. Igualmente lembraron a importancia da implicación dos seus usuarios para a súa correcta utilización e posterior mantemento.

Finalizou este histórico acto coa firma do libro de honra e dun balón de fútbol, así como coas fotografías das diferentes categorías da U.D. Ribera, que alegres e conscientes da importancia do evento, pousaron para os múltiples medios de comunicación que se deron cita na nosa vila.

0 comentarios:

Publicar un comentario