13 dic 2010
O Rosal, no VIII Congreso Internc. de Molinología
13.12.10
Comentar
A concelleira de Turismo, Ángeles Vicente Manzano e a responsable de Cultura, Charo Tabales Perozo, representaron a O Rosal na reunión que se celebrou o sábado 11 de decembro no Edificio Área Panorámica de Tui, con motivo da organización do VIII Congreso Internacional de Molinología.
Unha vez aprobada a candidatura correspondente na Asemblea Xeral da “Asociación para la Conservación y Estudio de los Molinos” (ACEM) o día 21 de marzo, comezaron as primeiras accións para organizar dito congreso.
Baixo o lema Innovación e Ciencia no Patrimonio Etnográfico dende a ACEM e a Asociación Galega Amigos dos Muíños (ASGAMUI) cren que “é chegada a hora de que aqueles elementos que foron axudas valiosas para a realización de traballos vitais de moitos homes e mulleres que desenrolaron a súa vida no medio rural, teñan un merecido recoñecemento e un lugar nos tempos das novas tecnoloxías”.
Dentro do programa deste Congreso Internacional que se celebrará en Vigo no ano 2012, a vila do Rosal ten un destacado papel, xunto cos municipios de Meaño e a propia cidade olívica, xa que –por exemplo- os 67 muíños do Folón-Picón están considerados Ben de Interese Cultural pola Xunta de Galicia, sendo unha das visitas obrigadas para calquera investigador do tema ou aínda para os futuros congresistas.
Así mesmo esta cita conta coa colaboración de diferentes entidades, entre outras, as Universidades de Vigo, Santiago de Compostela e A Coruña, e tamén da Deputación de Pontevedra e Caixanova.
Este congreso servirá “para seguir potenciando os estudos etnográficos elevándoos á categoría de Ciencia baseándose nos coñecementos empíricos daqueles que inventaron enxeños e mecanismos máis ou menos complicados para un mellor desenrolo da súa vida cotiá. Nada mellor que un foro internacional no que se dan cita gran número de expertos e investigadores no eido da muiñoloxía e dos enxeños hidráulicos ou eólicos para conquerir que os grandes esforzos físicos e intelectuais dos que nos precederon non se vexan esquecidos e afastados nos recunchos do inservible”.
Lembramos que O Rosal conta dende o pasado 2009 precisamente cun completo estudo editado pola Deputación de Pontevedra sobre os seus elementos hidráulicos máis famosos: Os muíños do Folón e do Picón na vila do Rosal. Conxunto histórico-etnográfico de Galicia, obra dos escritores rosaleiros Xoán Martínez Tamuxe e Juan Ramón Martínez Barbosa.
Deixar de fumar en Érguete Baixo Miño
13.12.10
Comentar
Despois desta recente subida no prezo do tabaco, sobre 40 céntimos por paquete de cigarros equiparándose ao prezo en Portugal pero aínda moi lonxe de países como Reino Unido, Francia ou Alemaña, e tendo en conta a nova Lei que entrará en vigor a primeiros de ano onde se prohibe fumar en todos os espazos públicos pechados, a Asociación Érguete Baixo Miño de Prevención das Drogodependencias, Educación e Promoción da Saúde oferta un “CURSO DE DESHABITUACIÓN TABÁQUICA” dirixido a todas aquelas persoas que desexen deixar de fumar.
Este curso terá lugar na sede desta entidade sita na r/Colón, 20 (Edif. O Pescador 1º piso) de A Guarda e será impartido por unha psicóloga da Asociación Española contra o Cancro, baixo o apoio dunha médica.
Trátase dun curso gratuíto e que pretende axudar a todas as persoas que desexen romper co tabaco a través de terapia psicolóxica individual e grupal.
Para máis información desta actividade, dirixirse ao local da Asociación (rúa Colón, 20 – Edif. O Pescador; A Guarda), no teléfono 986 614 407 ou solicitándoa vía e-mail: info@erguete.org
A I Cea-Megafesta do Futbolín, un éxito
13.12.10
Comentar
O venres 26 de novembro celebrouse no Restaurante Juan (O Rosal) a I Gran Cea-Baile. Megafesta do Futbolín 2010.
O evento, organizado polo grupo -e futura asociación- “Os Cabaqueiros do Futbolín” (que pronto estará na Rede), reuniu a mozos e mozas amantes deste xogo tradicional, que grazas ao Concello do Rosal está poñéndose de novo de moda non só na propia vila, senón na mesma Comarca do Baixo Miño.
Todo comezou en outubro do pasado ano 2009 coa instauración do I Campionato de Futbolín “Os Cabaqueiros” en lembranza e homenaxe dos vellos mestres telleiros da zona. Este primeiro torneo, creado como unha actividade de ocio enfocada á xuventude, foi finalmente gañado pola parella formada por Sergio (Yeya) Casal Fernández e Luis Martínez Pereira.
Colaboraron co Concello nesa primeira edición, dous locais (Pub J&J e Bar Troya), así como a Fundación O Rosal e Caixanova.
Xa no presente 2010 nace o I Campionato Feminino Noticias O Rosal -exclusivamente para mulleres- que crea esta web cultural, sendo unha iniciativa pioneira a nivel rexional e aínda nacional. As vencedoras foron as rosaleiras Mary Domínguez Rodríguez e Ruth María Martínez.
Despois de varias competicións en distintos bares e cafeterías do municipio, o pasado outubro, e de novo na Festa do Cabaqueiro, celebrouse o II Campionato de Futbolín -que gañaron Diego Martínez Alonso e Diego Álvarez Fernández-, confirmándose este certame como un dos eventos de ocio máis atractivos e agardados do ano no Baixo Miño.
Nesta ocasión, e debido ao éxito do 2009, contouse coa colaboración de máis locais (Cafetería Skape 34, Bar Floro e Bar A Cantina), ou mesmo coa cooperación do mencionado grupo “Os Cabaqueiros do Futbolín”, que naceron precisamente logo da axuda e apoio prestado na organización daquel torneo feminino.
Asistiron pois a esta I Gran Cea-Baile. Megafesta do Futbolín –entre outros- Jesús Mª Fernández Portela, alcalde do Rosal; Pablo Díaz Flores, concelleiro de Xuventude, Ángel Martínez Villa, edil de Deportes e Mª Carmen Alonso, responsable do Departamento de Servizos Sociais e Muller.
O acto contou tamén coa presenza e apoio de dous recoñecidos deportistas da vila, o ciclista Serafín Martínez Acevedo e o triatleta Óscar Vicente Rodríguez.
Así mesmo destacar a participación de José Martínez González (Pepe Berdeal), presidente da Asociación de Comerciantes do Rosal e Iván Diego Martínez, representante da Agrupación Musical da vila, que tiveron –como se pode observar nas imaxes- un protagonismo especial nesa cea.
Juan González Domínguez e Rafael Martínez López, membros da Fundación O Rosal non dubidaron tamén en respaldar este acontecemento para os rapaces e rapazas da Comarca.
A Organización (“Os Cabaqueiros do Futbolín”) realizou varios sorteos durante a cea. Desta maneira, Daniel Martínez González foi agraciado cun “Percorrido Marino” para dúas persoas no Talaso Atlántico de Baiona e Rebeca Rodríguez Rodríguez gañou unha rosca de xema de Confitería Rogelio.
Igualmente entregáronse diversos diplomas, premios e agasallos ás entidades, locais e particulares que colaboraron nos dous campionatos máis importantes da vila (Cabaqueiros e Feminino) así como aos gañadores do I Campionato de PlayStation Fifa 11 que O.C.F. levara a cabo na XXIII Festa do Cabaqueiro:
1º clasificado: Diego Martínez Alonso
2º clasificado: Pablo Martínez Alonso
3º clasificado: Carlos Daniel Díaz Pereira
Harmonizou a velada o cuarteto “3+1” da Agrupación Musical do Rosal, cuxos integrantes a pesares de ter unha dilatada experiencia como músicos da banda, fixeron o seu debut diante do público, xa como grupo. O resultado non puido ser mellor, xa que ofreceron espectáculo a raudais e foron moi aplaudidos, tocando aínda con varios “espontáneos” de luxo, entre eles Pepe Berdeal e Jonathan Martínez Rodríguez.
Unha vez rematada a actuación de 3+1, foi a quenda de Dj Curry, quen coa súa animada sesión, misturando temas de onte, de sempre, e a música máis actual, puxo o broche final a esta I Megafesta.
Os Cabaqueiros do Futbolín queren agradecer en especial, a colaboración nesta ocasión, do propio Restaurante Juan así como de Daniel Rodríguez Martínez e Antonio Lomba Rodríguez (Xián) pola cesión dos seus futbolíns. Asemade, agardan e animan a que este “vicio” ou “enfermidade” que é para moitos/as o xogo do futbolín, se siga estendendo e contaxiando entre os rapaces e rapazas da zona. Sen dúbida, este tipo de actos é unha boa escusa para xuntarse todo o mundo e pasalo realmente ben.
10 dic 2010
Día 12. Os Campelos: "Non hai dous sen tres"
10.12.10
Comentar
Por terceiro ano consecutivo, o popular dúo humorístico rosaleiro “Os Campelos” (Francisco Rodríguez Fernández e Roberto Fernández Rodríguez), actuarán nestas datas de Nadal no Auditorio Municipal.
O evento, que está organizado polo Concello do Rosal, celebrarase o domingo 12 de decembro, ás 18:00 horas, precisamente baixo o título: “Non hai dous sen tres…”
No caso de completar o aforo -que é de 342 persoas- habería unha segunda función ás 20:00 horas. (Na imaxe de Silvia Rodríguez, Os Campelos con David Amor, nun momento da divertida función de 2009).
A Praza de Abastos acolle un novo sorteo
10.12.10
Comentar
O pasado martes 7 de decembro a Praza de Abastos do Rosal acolleu o segundo sorteo dos tres cheques de compra por valor de 75, 50 e 25 euros, dentro do programa “Este inverno, presume de praceiro” que promove a Xunta de Galicia.
Novamente, procedeuse á extracción dos números premiados ante a presenza –entre outros- dos propios praceiros, membros da Dirección Xeral de Comercio e os concelleiros Pablo Flores Díaz (Xuventude e Emprego), Ángel Martínez Villa (Deportes) e Charo Tabales Perozo (Cultura).
Desta vez as clientes afortunadas foron as seguintes:
Isabel Loureiro – 75 euros
Mª del Pilar Alonso Rodríguez – 50 euros
Patricia Comesaña Pérez – 25 euros
7 dic 2010
5 dic 2010
Partido amistoso entre o Ribera e o R.C. Celta
5.12.10
Comentar
O mércores 8 de decembro ás 11 horas terá lugar no Estadio Municipal de A Mata un gran partido de fútbol “amistoso” entre o Ribera (xuvenil) e o Real Club Celta de Vigo (cadetes División de Honor).
Os pupilos de Juanma Berrecoso van primeiros no grupo 9º da Segunda Autonómica, mentres que o Celta tamén é líder na súa categoría por diante do Deportivo da Coruña, con once partidos disputados, nove deles gañados, un empate e unha derrota, con 31 goles a favor e tan só 6 en contra.
Dende o club rosaleiro animan a asistir a este interesante encontro e anuncian ademais que a entrada será gratuíta, celebrándose ao descanso varios sorteos (unha cea, camiseta do R.C. Celta e lotes de viño).
1 dic 2010
O Rosal estará no I Torneo de Carregal
1.12.10
Comentar
Esta mesma fin de semana, en concreto o SÁBADO 4 DE DECEMBRO, a partir das 16:00 horas, celebrarase o "I CAMPEONATO DE FUTBOLÍN EN CARREGAL" (Tomiño). A inscrición, tamén 10 € por persoa. Xa está confirmada a asistencia de polo menos unha parella representante do Rosal. Para anotarse, en "Novo Bar Carregal" ou chamando ao teléfono 649156972 (a partir das 19 horas). Os premios son os seguintes:
1º PREMIO: CEA EN WOODY POOL + 200 EUROS
2º PREMIO: CEA EN WOODY POOL + 100 EUROS
3º PREMIO: CEA EN WOODY POOL + DÚAS BOTELLAS DE WHISKY
Venres 3, o I Torneo de Futbolín Bar Floro
1.12.10
Comentar
Este VENRES 3 DE DECEMBRO, I TORNEO DE FUTBOLÍN BAR FLORO (O ROSAL). Mañá, XOVES ás 21:00 horas, nese local terá lugar a REUNIÓN-PRESENTACIÓN-SORTEO do campionato (ten que asistir polo menos o capitán de cada equipo). A inscrición (10 € persoa) poderá facerse nese mesmo acto. Haberá ¡¡GRANDES PREMIOS!!
Comunicado de Érguete Baixo Miño. Día da SIDA
1.12.10
Comentar
NON AO PECHE DAS CASAS DE ACOLLIDA PARA AFECTADOS/AS DE VIH/SIDA DE GALICIA
No Día Mundial do VIH/Sida, o 1 de decembro, a Asociación ÉRGUETE BAIXO MIÑO anima á participación cidadá amosando apoio á situación que viven algunhas das persoas afectadas por esta enfermidade na nosa comunidade. Son 15 as persoas que directamente quedan na rúa no mes de decembro (enfermos sen familia e sen ningún tipo de axuda).
Lembra tamén, que dende esta entidade, cóntase cun Servizo Gratuíto de Información e de Asesoramento de VIH/Sida así como de Facilitación de Preservativos e de Xiringas de xeito permanente durante todo o ano.
Enviade os vosos apoios a:
Consellería de Traballo e Benestar
Beatriz Mato Otero
25 nov 2010
Xavi Díaz, líder da División de Honor B
O rosaleiro Xavi Díaz, porteiro profesional de balonmán, actualmente no Octavio Pilotes Posada de Vigo, é líder co seu equipo, da División de Honor B.
O Balonmano Huesca, segundo clasificado e a tan só un punto dos galegos, declarará "Día de ayuda al club" o enfrontamento deste sábado fronte ao Pilotes.
Segundo afirma Xavi "se perdemos, non pasa nada. Entre outras cousas porque Huesca aínda ten que pasar por Vigo. Iso si, se gañamos, moito mellor". (Foto: Carlos Pereira)
O Atlántico Diario entrevista a David
25.11.10
Comentar
O noso decatleta biolímpico David Gómez Martínez, concedeu esta semana unha pequena entrevista a Santi Alonso, do xornal Atlántico Diario. Nela cóntanos como está adestrando a xoves deportistas mentras non se recupera da súa operación nos tendóns de Aquiles. (Foto: R.C. Celta)
O Rosal. I Gran Cea-Baile. Megafesta do Futbolín
O venres 26 de novembro terá lugar no Rosal a I Gran Cea-Baile. Megafesta do Futbolín 2010, que organizada polo grupo informal (e futura asociación) "Os Cabaqueiros do Futbolín", se celebrará no Restaurante Juan.
Segundo o cartel do evento, unha boa cea presidirá a velada, que estará animada polo Grupo 3+1 da Agrupación Musical do Rosal.
Os Cabaqueiros do Futbolín afirman que nas instalacións deste coñecido restaurante rosaleiro estarán dispoñibles gratuitamente varias mesas deste xogo para quen desexe botar unhas partidiñas.
Este acto de ocio e sociocultural acollerá a presentación dunha nova páxina web así como a entrega de diferentes premios e moitas sorpresas.
Segundo a Organización pode asistir quen queira, previa inscrición e pago de 25 euros no propio Restaurante Juan (tfno: 986 62 50 85) ou no Pub J&J, ambos situados na rúa Couso (en fronte do Auditorio Municipal).
Colaboran nesta I Gran Cea-Baile. Megafesta do Futbolín 2010, o Concello do Rosal, a Agrupación Musical e a nosa web.
Sen dúbida este evento será o colofón final para un ano no que O Rosal converteuse cos seus campionatos de futbolín (II dos Cabaqueiros, I Feminino Noticias O Rosal, e de diversos locais) no referente e impulsor de novo deste "deporte" no Baixo Miño e aínda en Pontevedra.
Benito Guerreiro, sairá en Actualizad@s, da TVG
25.11.10
Comentar
Benito, cruzando a Serra dos Ancares, durante a súa volta a Galicia
Segundo nota de prensa remitida á redacción de Noticias O Rosal polo equipo de produción de Avoltascoscontos, o sábado 27 de novembro ás 22:00 horas, “Benito, o protagonista da nosa aventura estará presente no programa Actualizad@s da TVG nun monográfico titulado A pedais”.
Actualizad@s é un espazo divulgativo que reflicte a realidade variada de Galicia a través da vida cotiá de galegos e galegas (de toda idade e condición) que teñen cousas que contar. Este programa afonda nos contidos xornalísticos á procura de cidadáns anónimos que aproveitan a súa existencia con paixón nos ámbitos cotiáns en que se desenvolven. Un equipo de cinco reporteiros varre Galicia na procura desas historias anónimas marabillosas, que transcorren á marxe dos focos da "actualidade", e constitúen un retablo singular deses "heroes locais da vida cotiá" dos que falaba Torrente Ballester”.
Está claro que Benito Guerreiro encaixa á perfección na filosofía deste programa e, polo tanto, non podía faltar. No programa do vindeiro 27 de novembro serán varios protagonistas os que estean presentes: o movemento cívico "Masa Crítica", un rapaz totalmente entregado a ser ciclista profesional, un grupo de vellos da Terra Cha que non baixan da bici para calquera dos seus desprazamentos, un tándem paraolímpico con cego, un profesor de 60 anos que tampouco baixa da bici e Benito Guerreiro, que na primaveira-verán do ano 2007 recorreu en bicicleta todos os concellos de Galicia nunha apaixonante viaxe de 72 días e case 6.000 km en solitario.
A reportaxe na que sairá Benito Guerreiro foi rodada o pasado 3 de novembro. A gravación comezou a media mañá coa proxección do documental Anacos… a un grupo de alumnos do Colexio Manuel Suárez Marquier de O Rosal.
A proxección de Anacos… baseada na aventura en bicicleta que Benito Guerreiro fixo no ano 2007 foi o momento máis emotivo da xornada e espertou as risas e a curiosidade dos pequenos.
A rodaxe continuou ao largo de todo o día en diversos recunchos do antigo Concello da Foz do Miño, na actualidade, concellos de A Guarda e O Rosal.
Durante o documental, Benito compartirá con nós as súas reflexións e os momentos máis inesquecibles da súa viaxe por Galicia, finalizando a súa intervención asucando as augas do Pai Miño na súa planeadora, facendo unha pequena introdución do que será o seu novo proxecto.
Outra das protagonistas será Lola, a nai de Benito, que tamén estivo presente na rodaxe comentando que significou para a familia a aventura da Volta a Galicia en bicicleta e nos contará, como non podía ser doutra forma, a súa relación coas bicicletas dende a infancia.
Porque a “bici”, para moita xente, é unha filosofía de vida; poderemos comprobalo, como dixemos, o sábado 27 de novembro ás 10 da noite na TVG no programa Actualizad@s no seu monográfico “A Pedais”.
24 nov 2010
Sorteáronse na Praza de Abastos os tres cheques
24.11.10
Comentar
O luns 22 de novembro tivo lugar na Praza de Abastos do Rosal o primeiro sorteo dos tres cheques de compra por valor de 75, 50 e 25 euros, dentro do programa “Este inverno, presume de praceiro” que promove a Xunta de Galicia.
Entre os días 8 de novembro e o 4 de decembro os clientes dos mercados municipais galegos recibirán un cupón por cada acto de compra. No Rosal cada persoa xa o encheu co seu nome, apelidos e teléfono de contacto, indicando o nome do seu praceiro favorito e depositando o cupón nunha urna instalada no propio mercado.
Entre os días 8 de novembro e o 4 de decembro os clientes dos mercados municipais galegos recibirán un cupón por cada acto de compra. No Rosal cada persoa xa o encheu co seu nome, apelidos e teléfono de contacto, indicando o nome do seu praceiro favorito e depositando o cupón nunha urna instalada no propio mercado.
Membros da Dirección Xeral de Comercio procederon ao sorteo dos tres cupóns na presenza –entre outros- dalgúns dos propios praceiros, de Pablo Flores Díaz, concelleiro de Xuventude e Emprego; Araceli del Pozo Galiñanes, Axente de Emprego e Desenvolvemento Local; Ana Pérez Otero, conserxe do Centro Social Polivalente e Juan Ramón Martínez, representante do Departamento de Cultura.
Os clientes agraciados -que nos cupóns elixiron a César Santomé Lemos (2 votos) e a Carmen Rodríguez Martínez como praceiros favoritos- foron os seguintes:
Marisa Martínez – 75 euros
Laura Mª González Rodríguez – 50 euros
Isaac Vicente Martínez – 25 euros
O vindeiro sorteo celebrarase o martes 7 de decembro novamente na Praza de Abastos da vila.
23 nov 2010
Actuación do grupo de teatro Agarimo de Vigo
23.11.10
Comentar
O sábado 20 de novembro tiveron lugar no Auditorio Municipal do Rosal diversos actos con motivo do Día Internacional para a Loita contra a Violencia de Xénero.
O grupo Agarimo (Asociación de Amas de Casa y Consumo) de Vigo, representou a obra "A Pousadeira" de Carlo Goldoni, baixo a dirección de Alejandra Abreu.
Antes, a concelleira de Servizos Sociais, Mª Carmen Alonso Alonso leu este pequeno manifesto:
"Como cada ano ao chegar estas datas próximas ao 25 de novembro, Día Internacional para a Loita contra a Violencia de Xénero, facemos balance do que queda por facer: seguir traballando e xuntar forzas para combater e acabar contra este terrible fenómeno.
Un ano máis denunciamos dende o noso concello, a Violencia de Xénero. Por suposto a violencia que termina co fin da vida de moitas mulleres... pero tamén queremos que este manifesto sirva de protesta aos berros, abusos, acosos, insultos, violacións ás que son sometidas, e que moitas veces silenciamos.
Sumámonos a todos os manifestos que nestes días serán lidos en todas as partes do mundo en contra da Violencia de Xénero".
A seguir, e minutos previos á baixada do telón, a concelleira de Turismo, Ángeles Vicente Manzano deu lectura a un poema da autoría do Xuíz de Paz da vila, Cástor Rodríguez González:
POR SER MUJER
Con tristeza se invade el alma de dolor
cuando en flor marchitan la existencia
de una vida noble, resignada, agradecida,
con el hacha cruel de un celo homicida.
La sinrazón de la fuerza establecida
a cambio del honor del cariño
con instinto brutal se hace dueña
de forma irracional y muy maldita.
Por ser mujer naciste de madre para madre,
criste a tus hijos con insomnio y padecer
llevaste los cuidados generosos de la casa,
fiel y abnegada te volviste en el amor,
diste ternura al poder del otro ser.
Por ser mujer das cariño a este mundo
que muchas veces no es agradecido
al ofrecerte la maldad por compañero
que por la ira y la violencia es conocido.
No es justo que alguien discrimine
y quiera dominar a su capricho
a quien le puede enseñar a compartir
lo que es bueno y de humano exquisito.
A ti, que eres hombre y caballero,
te dieron compañera y no sierva
para que aprendas en amor a convivir
y desprecies la ira y la violencia
contra quien no ofrece resistencia,
por ser mujer.


























