O domingo 8 de marzo -e con motivo do Día Internacional da Muller- tivo lugar no Auditorio Municipal a inauguración da Exposición Fotográfica "Shanti" da rosalesa Naomi Brey Flores, Técnica Superior de Artes Plásticas e Deseño en Fotografía Artística. Tomou a palabra en primeiro lugar o alcalde do Rosal, Jesús Mª Fernández Portela, quen deu a benvida ao público que se achegou a contemplar o traballo de Naomi nas lonxanas terras da India. De seguido Mª Carmen Alonso Alonso, concelleira de Servizos Sociais e Muller fixo unha breve introdución biográfica da autora da mostra fotográfica e alabou o seu bo facer durante os dous meses que durou a súa estadía no país asiático. Finalizou a quenda de intervencións a propia Naomi Brey Flores explicando un pouquiño o contido da exposición, o que significara para ela esa irrepetible experiencia, esa oportunidade de percorrer coa súa inseparable cámara gran parte do país e coñecer a fondo a súa sorprendente diversidade cultural. Lembrar que grazas a unha beca de estudos, Naomi realizou un intercambio coa Kala Bhavan Visva Bharati University de Shantiniketan e a Jadavpur University de Calcuta. Esta mostra, que pretende amosar a situación real da India e achegarnos a súa vida cotidiá a través dos ambientes e personaxes que reflicten a súa cultura, estará cara ao público no primeiro piso do Centro Social Polivalente e poderase visitar ata o venres 13 de marzo. Aquí vos deixamos unha pequena reportaxe da inauguración:
0 comentarios:
Publicar un comentario