25 abr 2010
Queremos formar un gran equipo... ¿úneste?
25.4.10
2 comentarios
Aínda que seguimos traballando nas nosas últimas reseñas e reportaxes...
-VII Feira do Libro do Rosal
-IV Mostra de Teatro do Miño
-Presentación do Camiño Portugués da Costa polo Concello do Rosal
-V Gran Premio Deputación de Pontevedra de Ciclismo
-Exposición de cómic na Biblioteca Municipal
-O Mecalia Atlético Novás de balonmán, en Badajoz
-Novo premio para a Banda da Agrupación Musical do Rosal
... en novas entrevistas e demais publicacións de interese para a cultura da nosa vila e do Baixo Miño, vémonos na obriga de pechar durante un tempo Noticias O Rosal ata seleccionar colaboradores/as que nos permitan afrontar o progresivo -e ultimamente, masivo- envío de información á nosa redacción e demanda de reportaxes por parte de lectores, institucións culturais, sociais e deportivas. Así mesmo en breve comezaremos un novo gran proxecto turístico-cultural onde abrimos as portas a calquera persoa, empresa ou entidade que desexe participar na iniciativa. Agradecendo calquera axuda que nos podades dispensar, recibide un cordial saúdo. Como sempre, podedes contactar con nós a través do noso correo electrónico noticiasorosal@hotmail.com, na rede social Facebook ou no teléfono 637 311 007.
23 abr 2010
Encontro organizado pola ANPA das Escolas Rurais
23.4.10
Comentar
A ANPA das Escolas Rurais do Rosal que preside Aurora Lomba, celebrará un encontro lúdico no parque de Pías, o día 24 de abril ás 16:00 horas. Organizarán xogos tradicionais: o pión, a cachiza, a carreta, a corda...(invitan a traer os que teñan pola casa). Así mesmo desexan que asistan os avós e avoas para que lles ensinen a xogar. Levarase merenda para compartir entre todos e disfrutarase do parque. Tamén haberá talleres de pintura e globoflexia. En caso de choiva o encontro pasarase para o 8 de maio.
22 abr 2010
Podemos ver ao Novás en directo por Internet
22.4.10
Comentar
Grazas á información que remite á nosa redacción Flores, os afeccionados e simpatizantes do balonmán rosaleiro poderán ver neste ENLACE os partidos por Internet da fase de ascenso á División de Honor B que vai a xogar o Mecalia Novás no pavillón "Juancho Pérez" (Badajoz), lembrando que tamén van radiar o encontro. Esta fase está organizada polo Balonmano Pines Extremadura Badajoz.
A programación segundo a páxina web é a seguinte:
-Venres 23, ás 18 horas: Nava Caja Segovia - Mecalia Novás.
Ás 20 horas: Sant Martí (Barcelona) - Pines Badajoz.
-Sábado 24, ás 17 horas: Nava Caja Segovia - Pines Badajoz.
Ás 17:30 horas: Mecalia Novás - Sant Martí.
-Domingo 25, ás 10:30 horas: Nava Caja Segovia - Sant Martí.
Ás 12:30 horas: Pines Badajoz - Mecalia Novás.
Miguel Rodríguez Amenedo, gañador do cartel da Feira
22.4.10
3 comentarios
A XVIII Feira do Viño do Rosal celebrarase os días 16, 17 e 18 de xullo na Praza do Calvario. Nela estarán representadas a maioría das adegas pertencentes á subzona do Rosal. Este ano o gañador do cartel anunciador da “XVIII FEIRA DO VIÑO DO ROSAL” foi o deseñador gráfico guardés Miguel Rodríguez Amenedo. Nos últimos anos este evento recibe a visita de máis de 30.000 persoas para disfrutar dos viños, dunha gran variedade de produtos típicos da zona e das actividades paralelas que completarán a oferta lúdica neses días.
21 abr 2010
Agustín Hernández visita as obras da VAP (Tui-A Guarda)
21.4.10
Comentar
O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández visitou o luns 19 de abril as obras iniciadas recentemente do tramo III da Vía de Altas Prestacións Tui-A Guarda ao seu paso polo concello do Rosal. Aquí estivo acompañado polo presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, pola delegada da Xunta en Vigo, Lucía Molares Pérez, por diversos cargos e técnicos da consellería e da empresa construtora así como polos propios rexedores da Comarca do Baixo Miño. Entre eles, a alcaldesa de Tomiño, Sandra González Álvarez, o alcalde do Rosal, Jesús Mª Fernández Portela e o da Guarda, José Manuel Domínguez Freitas e diversos concelleiros das vilas mencionadas. Tras unha breve información a cargo dos técnicos da empresa –e antes de partir ata o concello de Tui- o Conselleiro interesouse polos posibles problemas xurdidos na obra con relación ás inquedanzas dos veciños, así como das solucións que puidesen minimizar o impacto da mesma. Velaquí vos deixamos a nosa reportaxe fotográfica.
Actividades culturais de Cruz Roja Baixo Miño
21.4.10
Comentar
Segundo nos informa a nosa colaboradora Neli Rodríguez, aínda quedan prazas vacantes para o novo curso de Primeiros Auxilios e Socorrismo Terrestre que organizará en breve Cruz Roja Baixo Miño. Así mesmo esta Asamblea Comarcal realizará o xoves 22 de abril unha excursión cultural aos Cañóns do Sil e a Celanova coas asistentes ao "Taller de Estimulación de Memoria".
19 abr 2010
Novás. Festas na honra de San José Obreiro
19.4.10
2 comentarios
O venres 30 de abril darán comezo en Novás as Festas de San José Obreiro cunha Gran Verbena a cargo da Orquestra Jerusalén e o Grupo Alkar, que se prolongará ata altas horas da madrugada. O día 1 de maio, ás 11:30 h. da mañá, acompañada da Banda de Música da Agrupación Musical do Rosal, terá lugar a baixada do Santo en Procesión ata a Praza de Ventosela, onde se celebrará ás 12 unha Misa de Campaña na honra de San José, que será cantada pola Coral da dita Agrupación da vila.
Xa de tarde, e a partir das 17:30 h., actuación do Grupo de Pandereteiras Orballo da A.M. do Rosal. De seguido, un dos pratos fortes, O Show dos Campelos, con Roberto (O Grande) e Paco (O Pequeno).
Durante as actuacións haberá unha subasta de produtos típicos do Rosal e galegos. Para finalizar, nova Gran Verbena coas Orquestras Suavecito e Panamá. Dende a Comisión de Festas lembran que o recinto estará cuberto por unha carpa. (Fotos: 2009).
Á venda un cruceiro da autoría de Julio Martínez
19.4.10
Comentar
Xa está á venda unha das máis monumentais e mellores obras do xove canteiro do Rosal, Julio Martínez Martínez. Trátase dun artístico e impresionante cruceiro galego, de 5’90 metros de altura, que a bo seguro será idóneo por exemplo para un chalet ou casa de campo. O seu prezo: 8500 euros. Para máis información podedes contactar co artista nos teléfonos 986 62 57 33 / 658 050 423.
O V Gran Premio Deputación de Pontevedra, no Rosal
19.4.10
Comentar
O vindeiro sábado 24 de abril a partir das 17:00 horas, disputarase o V Gran Premio Deputación de Pontevedra categoría Junior organizado polo Club Ciclista O Rosal. Tanto a saída como a chegada terán lugar na Praza do Calvario. As Metas Voantes estarán situadas en Tomiño, A Guarda e O Calvario (dúas veces) e o Gran Premio da Montaña no Alto do Morán (San Miguel de Tabagón) e no Alto da Portela (entre Marzán e Portecelo) tamén dúas veces. Velaquí vos deixamos a nosa crónica e reportaxe fotográfica da edición do pasado ano.
18 abr 2010
Enlaces de interese e webs da Comarca
18.4.10
Comentar
Agrupación Musical do Rosal http://www.bandadorosal.org/
Agrupación Musical (facebook):
https://www.facebook.com/pages/Agrupaci%C3%B3n-Musical-do-Rosal/174272082936?fref=ts
A Guarda en imaxens http://fotosaguarda.blogspot.com/
Anabam http://www.anabam.org/
ACOR http://comerciodorosal.com/
Asociación Os Cabaqueiros
http://www.asociacioncabaqueiros.blogspot.com.es/
Concello do Rosal http://www.concellodorosal.es/portal/
Coro Ecos do Folón http://ecosdofolon.blogspot.com/
Club Ciclista O Rosal http://ccorosal.blogspot.com/
David Gómez Martínez (facebook): https://www.facebook.com/daviddecathlon?fref=ts
Deporte Baixo Miño http://deportebm.blogspot.com/
Esjaravellando Cabaqueiro http://cabaqueira.blogspot.com/
Foro do Mecalia Atlético Novás http://atlnovas.mforos.com/
Galicia Suroeste http://www.galiciasuroeste.info/
Guía de Pontevedra http://guiadepontevedra.com/
Infogauda http://infogauda.blogspot.com/
Infomiño http://www.infomiño.com/
Lirolai-Grupo tradicional galego http://www.lirolai.com/
Losgustosmíos (Piño Gómez):
http://losgustosmios.blogspot.com.es/
Mecalia Atlético Novás (facebook): https://www.facebook.com/SDAtleticoNovas?fref=ts
O Bar do Trinta: http://obardotrinta.blogspot.com.es/
Óscar Vicente Rodríguez: http://www.oscar-vicente.com/
ProducionsBrais http://camposino1.blogspot.com.es/
Sabine Pfister http://sabinevasion.blogspot.com.es/
TBM Musical http://tbmmusical.blogspot.com/
Terrorismo Ambiental http://terrorismoambiental.espacioblog.com/
U.D. Ribera de fútbol: http://www.udriberaorosal.com/index.html
Xoán Martínez Tamuxe: http://www.xoanmartineztamuxe.blogspot.com.es/
V Feira de Oportunidades organizada por ACOR
18.4.10
Comentar
O pasado domingo 11 de abril tivo lugar na Praza do Calvario a V edición da Feira de Oportunidades organizada pola Asociación de Comerciantes do Rosal que preside José Martínez González (Pepe Berdeal).
Os establecementos estiveron durante todo o día mostrando os seus produtos con importantes descontos á vez que, xa de tarde, se celebraba un concurso-obradoiro de debuxo e de globoflexia, a cargo de Patricia Dorado Pregal.
Precisamente o debuxo gañador foi o de Nerea Alonso Rodríguez, de 11 anos. En segundo lugar quedou o de Marcos López Riveiro e en terceiro, o de Noa A. Rodríguez. Velaquí vos deixamos a nosa reportaxe fotográfica deste -agora- evento anual.
15 abr 2010
Peregrinación polo Camiño Portugués da Costa
15.4.10
Comentar
O Concello do Rosal organizará todos os sábados dende o 8 de maio ata o 12 de xuño unha peregrinación a pé por etapas a Santiago de Compostela polo Camiño Portugués da Costa. O custe desta actividade é de 35 euros en concepto de gastos do servizo de autobús. O prazo para inscribirse rematará este venres 16 de abril. Convocarase a todos os participantes a unha reunión conxunta no Centro Social Polivalente o día 23 de abril ás 20:00 horas.
Disputouse o derbi entre o Ribera e o Guardés
15.4.10
Comentar
O pasado domingo 11 de abril disputouse no Campo Municipal da Mata -e ante uns 450 espectadores- o derbi comarcal de fútbol entre a U.D. Ribera e o Sporting Guardés. Antes de iniciar o encontro se lle fixo unha pequena homenaxe ao equipo de Benxamíns por ter finalizado a Liga como segundos clasificados do seu grupo no primeiro ano de participación. Os seus compañeiros do equipo "grande" fixéronlles en recoñecemento o coñecido "pasillo". Así mesmo gardouse un minuto de silencio en memoria do socio Domingo Rodríguez, falecido recentemente.
U.D. RIBERA 0 – SPORTING GUARDÉS 0
O partido resultou intenso dada a gran rivalidade existente entre ambos equipos e estivo disputado de poder a poder, aínda que con poucas ocasións de gol. Iso si, as dúas escuadras desplegaron un fútbol que fixo vibrar ás súas aficións.
Estas foron as alineacións presentadas neste "clásico".
RIBERA
1 Yago
2 Raúl
3 Alejandro
4 Josiño
5 Valderrama
6 Álex Estévez
7 Nico
8 Álex Tebra
9 Juli
10 Torroña
11 Anselmo Suplentes
12 Marcos
13 David
14 Jorge
15 Miguelito
16 Alberto
GUARDÉS
1 Tafe
2 Max
3 Joca
4 Fidel
5 Marcos
6 Sergio
7 Matori
8 Isidro
9 Manu
10 Mariano
11 Álex
Suplentes
12 Nico
14 Miguelito
15 Élder
16 Miguel A.
17 Berto
O árbitro designado foi o Sr. Freitas. Amonestou por parte do Ribera a Josiño, Jorge e Valderrama. Por parte do Guardés a Mariano, Sergi e Majoni.
·Substitucións na U.D. Ribera: Min. 46 (Jorge, por Torroña); Min. 80 (Alberto, por Nico).
·Substitucións no Sporting Guardés: Min. 59 (Nico, por Matori); Min. 83 (Berto, por Álex).
Dende Noticias O Rosal queremos agradecer a información facilitada por Manuel Iglesias para a elaboración desta reportaxe.
14 abr 2010
O domingo 18, a VII Feira do Libro do Rosal
14.4.10
Comentar
Este domingo 18 de abril e a partir das 10 da mañá terá lugar no Rosal a VII Feira do Libro. Aínda que nun principio estaba previsto que se celebrase na Praza do Calvario, debido ás posibles inclemencias atmosféricas para ese día optouse porque as distintas librerías do Baixo Miño e Val Miñor participantes estean ubicadas no Salón de Exposicións municipal. Así mesmo ás 5 da tarde comezarán as actividades para os nenos/as organizadas pola concellaría de Cultura consistentes nun "contacontos e un obradoiro de sombras chinescas" a cargo de Olga Abad Prieto, dentro do Programa "Letras Vivas" da Xunta de Galicia para fomentar o hábito lector entre os máis pequenos. Velaquí vos deixamos a modo de lembranza a reportaxe da Feira e do obradoiro de debuxo de Santy Gutiérrez que realizamos o ano pasado.
7 abr 2010
Sorteo da Asociación de Comerciantes (ACOR)
7.4.10
Comentar
Sara Carrera, "man inocente", remexe os boletos-vales de compra para o sorteo
O pasado mércores 31 de marzo tivo lugar no local da Asociación de Comerciantes do Rosal o sorteo dos vales de compra e do xamón cos que este organismo agasallaba nese mes aos seus clientes. Ao acto asistiron o propio presidente de ACOR, José Martínez González (Pepe Berdeal), a vicepresidenta, Sara Carrera, así como a súa técnica, Eva Pacheco.
Esta é a relación das afortunadas/o:
-1º Premio de 150 €: a María Jesús Chaver, do Rosal, grazas a unha compra realizada en Ferretería O Calvario.
-2º Premio de 100 €: a Sandra, do Rosal, compra en Sara Carrera.
-3º Premio de 100 €: a Mª Lourdes Sobrino Lemos,do Rosal, consumición na Liga de Amigos.
-4º Premio de 50 €: a Marga, de Tomiño, compra realizada en Sara Carrera.
-5º Premio de 50 €: a Mª del Carmen Alonso Alonso, do Rosal, compra efectuada en E&M.
-6º Premio de 50 €: a Belén González do Rosal, compra en Sara Carrera.
-7º Premio, un xamón: a Florencio Domínguez Rodríguez, do Rosal, compra realizada en Pescados Melecho.
6 abr 2010
O Rosal, na Semana do Audiovisual Galego
6.4.10
Comentar
O Concello do Rosal participa na programación da “Semana do Audiovisual Galego 2010”, dentro do proxecto Cinemas Dixitais que promove a Consellería de Cultura e Turismo e a Axencia Audiovisual Galega en colaboración con AGADIC. Con este motivo o vindeiro sábado 10 de abril ás 19:00 horas, proxectaranse no Auditorio Municipal os films “Stop explotación infantil” e “Mulleres da Raia”.
Contacontos de Beatriz Permuy Martínez
6.4.10
Comentar
O pasado sábado 27 de marzo e organizado pola concellaría de Cultura que dirixe Charo Tabales Perozo, tivo lugar un novo contacontos na Biblioteca Municipal do Rosal. Esta vez a encargada de transmitir aos máis pequenos os divertidos relatos foi Beatriz Permuy Martínez, mestra da Escola de Couso. Bea, que é a creadora e coordinadora do blog Cousas de Peques, define a súa intervención como “unha macedonia de contos, na que con axuda dos nen@s que alí estaban, falouse da Ratiña Fachendosa, da Ratiña Bibliotecaria, do Ratiño Pérez, dos Ratos de Campo e de Cidade, de Brancaneves e os sete ananiños, de Riciños de Ouro e os tres osos, dos Tres Porquiños, do Frautista de Hamelin... mais o conto estrela era: EL PEZ ARCOIRIS. Para iso, os nen@s tiveron que pasar unhas probas, facer un xogo para coñecer as normas da biblioteca, formar un puzle para saber que conto se ía ler... un montón de cousas”. (Foto: Concello do Rosal).
5 abr 2010
Reportaxe do concerto musical "Sons Galegos"
5.4.10
Comentar
Velaquí vos deixamos a reportaxe fotográfica de Jesús González Álvarez (Suso) que realizou con motivo do primeiro concerto que ofreceu a Agrupación Musical do Rosal baixo o nome de "Sons Galegos", celebrándose o pasado domingo 28 de marzo no Auditorio.